-
O alcalde Anxo Arca participou no pasado mes de setembro no quinto e último encontro desta iniciativa celebrado na localidade de Kekavas, en Riga
-
Reuníronse 63 participantes procedentes de 16 países europeos baixo o lema ‘Integración e cooperación’
-
O rexedor fixo un chamamento á unidade e ao compromiso coa paz, o progreso e os valores democráticos que definen a Europa moderna
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, participou no pasado mes de setembro no quinto e último encontro do proxecto europeo 'Reforzando a identidade europea en tempos de crise', celebrado na localidade de Kekavas, en Riga. Este evento reuniu a 63 participantes procedentes de 16 países europeos e centrouse no tema da 'Integración e cooperación', co obxectivo de promover o debate sobre os principais desafíos europeos, o papel do liderado feminino e o compromiso democrático. Xunto ao rexedor padronés participaron na convocatoria a concelleira Laura Horta e o técnico de Turismo Alberto Rey.
Esta iniciativa, financiada pola Unión Europea a través do programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV) da Rede de Cidades da UE, está liderada polo Concello de Padrón. Trátase do primeiro proxecto aprobado pola UE a un municipio galego dentro deste programa, que conta cun financiamento de 145.000 euros. O proxecto busca impulsar a cooperación intermunicipal e fortalecer os valores europeos comúns, promovendo a convivencia, o coñecemento dos dereitos da cidadanía europea e a boa gobernanza local.
A cita congregou a empresarios, líderes políticos e representantes da sociedade civil para reflexionar sobre como a cooperación e a integración entre países poden ser solucións efectivas aos problemas rexionais máis urxentes. Ao longo dos encontros, abordáronse temas fundamentais para o futuro de Europa, como o emprendemento, a igualdade de xénero e a participación cidadá nas democracias europeas.
No seu discurso, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou a importancia de reforzar os valores europeos nun contexto global de incertezas. “Nun mundo marcado por desafíos, o noso compromiso cos valores de solidariedade, democracia e dereitos humanos faise máis crucial que nunca”, sinalou o rexedor. Tamén destacou o recente éxito das eleccións europeas como un exemplo da forza colectiva e o compromiso común para dar forma ao futuro de Europa.
Arca subliñou a necesidade de empoderar ás mulleres europeas, destacando o talento e valentía amosados polas emprendedoras participantes nos encontros. Tamén fixo un chamamento a seguir traballando na cooperación entre mozas, artistas, empresarios e estudantes europeos, que serán os encargados de liderar a visión dunha Europa unida, pacífica e próspera.
Este proxecto, que culminou en Riga, deixa as bases para futuras iniciativas de colaboración e diálogo, tanto entre comunidades locais como entre distintos países europeos. O alcalde de Padrón concluíu o seu discurso facendo un chamamento á unidade e ao compromiso coa paz, o progreso e os valores democráticos que definen a Europa moderna.
Este proxecto demostra o impacto positivo da cooperación entre nacións europeas e reafirma o compromiso de Padrón coa construción dun futuro europeo máis inclusivo, innovador e resiliente.
Máis información sobre o proxecto Reforzar a identidade europea en tempos de crise, nesta ligazón.