Máis de 50.000 persoas visitan cada ano esta vila, última etapa do Camiño Portugués cara Compostela
A tradición xacobea ten en Padrón as súas orixes e son numerosos os lugares deste concello nos que as pegadas das crenzas relixiosas chegan ata os nosos días.
No presbiterio da igrexa de Santiago, situada á beira do río Sar e da ponte do Carme, consérvase "O Pedrón", unha ara romana da que etimoloxicamente procede o nome da vila de Padrón e que estaría adicada a Neptuno, deus dos mares e de todas as augas. Aprecíase nesta ara a inscrición "NO ORIS ESES D S P", que se interpreta como "A Neptuno, o Foro Iriense, cos seus cartos".
Segundo a tradición cristiá da Traslatio Xacobea, recollida no Libro III do Códice Calixtino, dous discípulos do Apóstolo, Teodoro e Atanasio, amarraron a este militario romano a barca que, guiada por un anxo, transportaba o seu cadavre desde Haffa (Palestina), onde fora martirizado. Naquel entón considerábase que o corpo do Apóstolo debía descansar no lugar máis lonxano de predicación e pénsase que ese punto era Padrón, concretamente o monte de San Gregorio, en cuxos penedos o Apóstolo Santiago predicara aos xentís e onde fixera brotar co seu báculo a fonte milagreira embaixo da ermida.
Este santuario paleocristián é un lugar histórico de peregrinacións xacobeas desde a Idade Media, sendo impulsado no século XV polo arcebispo Rodrigo de Luna e a comezos do século XX polo arcebispo Martín de Herrera.
A este monte, no que cada 25 de xullo se celebra a romaría do Santiaguiño, accédese subindo as escaleiras do Vía Crucis e nel atópanse outras referencias á tradición xacobea: a capela coa tumba de Gregorio, a casa do ermitán, a fonte milagreira e o conxunto dos penedos coa figura de Santiago. Todo un conxunto de gran beleza paisaxística e desde onde se pode contemplar a mellor panorámica do val de Padrón.
Historicamente, desde que os restos do Apóstolo foron levados a Santiago de Compostela, Padrón converteuse no principio da ruta cara ao sepulcro para os peregrinos que chegaban por mar. Co paso do tempo, a consolidación das peregrinacións a Santiago afectaron a todos os lugares polos que discorría o Camiño e a vila de Padrón, como punto do Camiño Portugués, foi un deles. Cada ano milleiros de peregrinos pasan por Padrón camiño de Compostela, posto que en moitos casos constitúe o punto de partida da última etapa do Camiño Portugués.
Situada nunha extensa veiga entre os ríos Sar e Ulla, a vila de Padrón é terra de historia, tradicións e cultura

O Concello de Padrón é a porta natural da ría de Arousa e sitúase no límite xeográfico entre o sur da provincia da Coruña e o norte da provincia de Pontevedra, separados polo río Ulla. Xunto cos municipios de Dodro e Rois conforma a Comarca do Sar, da que é capital.
O termo municipal ten unha superficie de 48,4 quilómetros cadrados e está distribuído en cinco parroquias e 91 lugares: San Pedro de Carcacía (18 lugares), Santa María de Cruces (17), Santa María de Herbón (12), Santa María de Iria Flavia (30) e Santiago de Padrón (14).
Desde unha perspectiva socioeconómica, o Concello de Padrón caracterízase pola diversificación da súa estrutura económica, xa que, ademais de ser considerado unha despensa natural para Galicia grazas ao seu clima cálido e chuvioso, nas últimas décadas soubo medrar industrialmente, converter os seus atractivos turísticos e o paso do Camiño Portugués nunha nova fonte de riqueza e desenvolver un sector servizos equilibrado para un municipio con 8.581 habitantes.
Parroquias:
> San Pedro de Carcacía (14,12 qm2 de superficie e 18 lugares)
Bandín, Berxaos, Casal, Corral, Cruxeiras de Abaixo, Cruxeiras de Arriba, Guimaráns, A Igrexa, Lamas, O Outeiro, Pousada, Rial, Ribadulla, Rumille, Sande, Sinde, Sobrerribas e Xoane
> Santa María de Cruces (12,41 qm2 de superficie e 17 lugares)
A Abelina, A Angueira de Suso, O Areal, A Baiuca, Bascuas, Cruces, A Escravitude, O Loureiro, Os Muíños, O Pedroso do Norte, O Pedroso do Vendaval, A Picaraña, Prada, Queiruga, Tarrío, Vigo e O Vilar
> Santa María de Herbón (9,31 qm2 de superficie e 12 lugares)
A Barca, As Casas Baratas, Os Condes, Confurco, Cortiñas, Herbón, A Igrexa, Morono, O Rego da Manga, Riba da Fonte, A Rocha e Santa Cruz
> Santa María de Iria Flavia (8,02 qm2 de superficie e 30 lugares)
A Aduana, Anteportas, Arretén, O Barco, A Calzada, Cambelas, O Couto, A Horta, Iria Flavia, Lestido, Luáns, A Matanza, O Montiño, O Muelle, O Paraíso, Pazos de Iria, Pedreda, O Piñeiro, O Pombal de Abaixo, O Pombal de Arriba, A Ponte, Porta dos Mariños, A Pousa, Quintáns, Romarís, O Roucón, A Rúa, O Rueiro, O Souto e Vista Alegre
> Santiago de Padrón (4,46 qm2 de superficie e 14 lugares)
Agronovo, Estramundi de Abaixo, Estramundi de Arriba, Lamas, Padrón, A Pedreira, O Santiaguiño do Monte, A Santiña da Devesa, A Serra, O Souto, A Torre, A Toxeira, A Trabanca e Vilar
Poboación: 8.581 habitantes (ano 2016 | Fonte: Instituto Nacional de Estatística)
> Total: 8.581 (Homes: 4.131) (Mulleres: 4.450)
0 a 15 anos: 1.075 (Homes: 550) (Mulleres: 525)
16 a 64 anos: 5.443 (Homes: 2.746) (Mulleres: 2.697)
65 e máis anos: 2.063 (Homes: 835) (Mulleres: 1.228)
> Poboación estranxeira: 112 (Homes: 58) (Mulleres: 54)
> Idade media: 45,76 (Homes: 44,04) (Mulleres: 47,37)
Distancias coas principais cidades galegas:
> Santiago de Compostela: 21 quilómetros
> Pontevedra: 36 quilómetros
> Vigo: 63 quilómetros
> A Coruña: 80 quilómetros
> Ferrol: 109 quilómetros
> Lugo: 116 quilómetros
> Ourense: 101 quilómetros
Para consultar máis información estatística sobre o Concello de Padrón, preme nesta FICHA do Instituto Galego de Estatística.
Galego
Español



