-->

A Pascua volve a Padrón coas Tanxugueiras, pregón de Luis Zahera e a feira cabalar

  • Un tributo a Queen e o arranque da xira da Panorama inclúense nun completo programa musical para todas as idades //

  • Ás competicións de xadrez, tenis, fútbol ou chave, únense a Carreira Popular, a Clásica ciclista e a velada de boxeo //

  • “Padrón ten ganas de Pascua, que é un motor económico para o municipio, e nós organizámola con moita ilusión”, di o alcalde, Antonio Fernández //

Padrón recupera as Festas de Pascua tras dous anos de parón obrigado pola pandemia cun programa que se desenvolverá ao longo de case todo o mes de abril e dirixido a todo tipo de públicos, no que destacan as actuacións musicais e as competicións deportivas, sen esquecer a tradición que marcan a feira cabalar ou os touros. O pregón correrá a cargo do actor Luis Zahera, gañador dun Goya e protagonista da serie de televisión La Unidad.

A Pascua, a piques de converterse en Festa de Interese Turístico tras o apoio do Consello de Turismo á proposta do Concello de Padrón, volve co ánimo de exercer como un “motor económico” e de reactivación trala pandemia. Así o destacou hoxe na presentación o alcalde, Antonio Fernández Angueira, quen subliñou que a celebración conta cun orzamento de 190.000 euros e agarda que tamén lle permita a cidadanía recuperar a normalidade. “Padrón ten ganas de Pascua e nós organizámola con moitísima ilusión e traballo para que sexa todo un éxito”, apuntou.

As Tanxugueiras, que actuarán o domingo 17 de abril no que será un dos primeiros concertos de presentación do seu álbum Midas; o arranque da xira da orquestra Panorama, o martes 19 de abril; e un tributo a Queen, o venres de 22, son algúns dos espectáculos dos que poderán gozar gratuitamente todas as persoas que se acheguen a Padrón.

Carmina Bustelo, concelleira de Festexos, referiuse a “un programa moi completo para todas as idades, con concertos infantís, espectáculos para xente moza e tamén para os que non somos tan novos, que poderemos desfrutar por exemplo de un grupo como os Gins Tonics que fai cancións do pop e rock español dos 80 e os 90”. Apuntou tamén que participarán nas Festas orquestras galegas de gran renome como París de Noia ou Players, ademais doutras locais como Charleston, Union y Fuerza ou Atenas. Completan a oferta musical bandas e agrupacións folclóricas.

As festas, que se desenvolverán do 2 ao 24 de abril, comezarán coa Andaina Bisbarra do Sar. A concelleira Lorena Couso destacou que o deporte estará presente tamén con campionatos de xadrez, tenis, fútbol ou chave. Ademais o sábado 16 de abril desputarase a 41ª edición da Carreira Popular e o sábado 23 chegará a súa 58ª edición a Clásica de Pascua de ciclismo. A gran velada de boxeo levarase a cabo o venres 15 de abril.

A feira cabalar, presente xa no inicio das Festas de Pascua hai máis de tres séculos, tamén volverá ao Campo da Barca o domingo 17 de abril, o mesmo día no que se poderá asistir á feira de maquinaría agrícola e ao espectáculo taurino, que fuxe do maltrato animal para centrarse nunha exhibición de recortes, quebros e saltos. Dentro das tradicións, non faltarán tampouco os pasarrúas cos xigantes e cabezudos, nin os espectáculos de fogos artificiais.

Descarga aquí o programa completo das Festas de Pascua de Padrón 2022

programa pascua imagen

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…