-->

A rehabilitación do claustro de Herbón permitirá abrir ao público a parte máis antiga do convento

  • O alcalde, Antonio Fernández, e a concelleira Lorena Couso amosaron a súa satisfacción pola recuperación deste espazo durante a súa visita ao conxunto //
  • A idea é converter o segundo andar nun museo que complete a visita á igrexa e ao seu retablo barroco //

A rehabilitación do claustro do convento de Herbón, grazas a unha actuación da Xunta na que se investiron 420.000 euros e que rematou a finais do ano pasado, permitirá abrir ao público a parte máis antiga deste conxunto fundado no ano 1396. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, e a concelleira de Cultura, Lorena Couso, visitaron onte o convento na compaña do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o prior do convento, Francisco Honrubia, e amosaron a súa satisfacción pola continuidade nos traballos de recuperación deste monumento que foi declarado Ben de Interese Cultural en 2013.

As actuacións realizadas centráronse na recuperación do claustro, datado na primeira metade do século XVII e, polo tanto, a peza de maior antigüidade do conxunto conventual. A intervención permitiu recuperar o aspecto orixinal do claustro e mellorar tamén a súa accesibilidade, promovendo un circuíto que une este espazo coa zona da igrexa.

En concreto, renováronse as cubertas renovar as cubertas e o forxado de piso, limpouse o rexuntado da cantería dos muros, restauráronse as carpintarías exteriores e elimináronse os elementos discordantes. Por último, aplicouse un tratamento á madeira fronte aos xilófagos e repasáronse todas as xuntas do pavimento.

Coa estrutura atacada polas termitas, o claustro atopábase ata o de agora prácticamente en estado ruinoso, o que imposibilitaba o acceso. De cara ao futuro, a idea é dedicar o segundo andar a un museo aberto ao público de xeito que complete a visita da igrexa, que ten como principal atractivo un retablo barroco de principios do século XVIII que tamén foi rehabilitado hai uns anos grazas a outra subvención de Turismo de Galicia.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, destacou a importancia histórica e turística do conxunto conventual de San Antonio de Herbón non só para Padrón senón para toda a comarca pola súa situación ao pé do Camiño Portugués e por estar vencellado tanto á chegada do famoso pemento de Herbón dende América como ás pesqueiras da lamprea no lindeiro río Ulla.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…