-->

Unha delegación europea coñece en Padrón as políticas locais de igualdade de xénero

Trinta mozos e mozas de Malta, Hungría, Portugal, Italia, Illa de Martinica e España participan no encontro europeo “Igualdade de xénero en tempos da COVID”, do programa Erasmus Plus || 

Onte visitaron os atractivos turísticos de Padrón, o Centro de Información á Muller e as bodegas do Pazo de Arretén ||  

O alcalde de Padrón destaca a necesidade deste tipo de accións que “fan medrar a conciencia europeísta entre a mocidade” ||

Trinta representantes de municipios, entidades educativas e asociacións procedentes de Malta, Hungría, Portugal, Italia, Illa de Martinica (Francia) e España fixeron onte parada en Padrón durante a visita a Galicia que están levando a cabo. A iniciativa do programa Erasmus Plus busca fomentar o apego á cidadanía europea entre os mozos e as mozas da Unión, a través dun programa de actividades que afonda nunha problemática de interese como é a igualdade de xénero.

En Padrón, o grupo foi recibido este martes 1 de marzo polo alcalde, Antonio Fernández Angueira. Ao seu xuízo, "en momentos coma os que vivimos son aínda máis necesarias accións coma esta, que fan medrar a conciencia europeísta entre a mocidade e a cidadanía en xeral. Padrón é un lugar estupendo para afondar nesta concienciación, pois é punto clave nunha das historias de maior éxito na construción europea, o Camiño de Santiago".

O grupo europeo xantou e realizou unha visita guiada polos principais atractivos da vila, da man do técnico de turismo. Tamén coñeceron de primeira man os proxectos de igualdade nos que traballan tanto o Concello como a Xunta de Galicia, nomeadamente o Centro de Información á Muller Terras de Iria. No CIM estiveron acompañados pola psicóloga e máis pola técnica de igualdade, que lles explicaron o funcionamento e as principais liñas de traballo. Pola tarde realizaron unha vista ao Pazo de Arretén e ás bodegas de Petroni, onde a súa xerente, Cristina Codesido, lles explicou o proceso de elaboración dos seus produtos.

"Outro obxectivo da visita", explicou a concelleira Lorena Couso, "era mostrar o traballo que se fai desde o Concello e desde a Xunta en materia de igualdade. Neste sentido foron moi frutíferas tanto a visita ao CIM como o feito de que a empresa que coñeceron sexa xestionada por una muller".

Mañá está prevista unha visita ao Parlamento de Galicia dos participantes neste encontro europeo, que leva por título Igualdade de xénero en tempos da COVID e forma parte do programa Erasmus Plus. O programa de actividades inclúe obradoiros e mesas redondas nos que mozos e mozas compartirán ata o 6 de marzo as experiencias levadas a cabo nos diferentes países en relación á fenda de xénero.

 20220301 Visita delegacion europea Pazo Arreten

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…