-
Interpretárona por primeira vez íntegra a Banda de Música Municipal e o coro Gaos//
-
Trátase dunha adaptación de Loliña Mosquera do poema ‘Miña casiña, meu lar’, que foi orquestrada por Braulio Cao//
-
Raúl Andrade impulsou a iniciativa ao abeiro do Fondo Xacobeo//
-
A concelleira de Cultura, Lorena Couso, reitera o compromiso de Padrón coa figura e a obra de Rosalía no peche dos actos polo seu aniversario//
Cos numerosos asistentes postos en pé para aplaudir a peza musical Caldo de Gloria pecháronse hoxe ao mediodía os actos institucionais cos que o Concello de Padrón conmemorou este ano o Día de Rosalía. O Xardín Botánico, lugar de referencia para a escritora, acolleu a estrea íntegra e ante público da partitura feita por Loliña Mosquera inspirándose no poema ‘Miña casiña, meu lar’ e que foi adaptada para coro e orquestra por Braulio Cao, director da banda padronesa. A propia Banda Municipal de Música de Padrón e o coro Gaos da Coruña encargáronse da brillante posta en escena.
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; os alcaldes de Rois e Dodro, Ramón Tojo e Xabier Castro; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, arrouparon no acto de presentación da obra musical á concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, que lembrou o compromiso do Concello coa promoción da figura e da obra de Rosalía. Así o salientaron os responsables de Política Lingüística e da Fundación rosaliana. “A estrea de Caldo de Gloria trátase dun acto moi feliz que pecha un completo mes de actividades”, sinalou Anxo Angueira, quen incidiu no feito de que Rosalía, en contra do que tradicionalmente se ten mantido, nunca foi abandonada pola súa nai senón que a criou en Padrón, de onde era natural.
Antes da interpretación da obra houbo tamén palabras de agradecemento para Loliña Mosquera, filla do impulsor da Fundación Rosalía José Mosquera, pola súa primeira partitura e para o director da Escola de Música Municipal de Padrón, Raúl Andrade, quen lle deu azos ao proxecto grazas a unha subvención do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Froito desta iniciativa é un vídeo grabado en outubro no convento do Carmen, no que a Banda de Padrón e o coro Gaos interpretaron Caldo de Gloria, aínda que sen público.
Braulio Cao, como autor da orquestración, aproveitou así mesmo para agasallar cunha partitura da peza a Loliña Mosquera a título persoal, e tamén aos arquivos da Xunta, da Fundación Rosalía e do Concello de Padrón para que a manteñan baixo a súa custodia.
A concelleira Lorena Couso amosouse moi satisfeita polo entusiasmo do público ante a estrea e manifestou o seu convencemento de que Caldo de Gloria suporá dar un paso máis na popularización dos homenaxes a Rosalía polo seu aniversario, convertendo a celebración literaria non só en gastronómica senón tamén en musical. Lembrou así mesmo que o poema de Rosalía é unha homenaxe á muller e á supervivencia diaria no rural galego.