O Auditorio Municipal de Padrón acolleu a presentación dunha aplicación tecnolóxica, que permitirá realizar proxeccións climáticas e así estudar o impacto do cambio climático, a nivel local e rexional. Trátase dunha ferramenta de apoio á acción polo clima, pioneira en Galicia e elaborada por MeteoGalicia. O instrumento foi presentado nun acto presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández. Tamén asistiron: Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental; Mariluz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático; Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia; e os demais concelleiros e concelleiras.
O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, destacou na súa intervención o “papel fundamental dos concellos” fronte ao cambio climático, xa que están “na primeira liña dos efectos climáticos”. Neste eido, o rexedor lembrou o recente acordo entre o Concello de Padrón e a Xunta para investir no 2022 tres millóns de euros, co fin de reducir o risco de inuncación nos ríos Ulla e Sar.
Pola súa parte, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez salientou o apoio da Xunta ao municipalismo galego como “peza chave na loita polo cambio climático”.
Esta nova aplicación será posta a disposición dos 277 concellos galegos, entre eles Padrón, adheridos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, impulsado pola Comisión Europea, no ano 2008. Permitirá estudar o impacto do cambio climático a nivel local e proporá plans de adaptación aos posibles efectos deste fenómeno. Así, os concellos poderán visualizar as posibles variacións do clima en Galicia, segundo o nivel de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro que se consiga.