Numerosos comercios e locais de hostalería de Padrón están a decorar esta semana os seus escaparates coas creacións realizadas no I Certame de debuxos con motivo do 25N. Un certame organizado polo CIM Terras de Iria e no que participaron alumnos e alumnas dos CEIP Flavia e Rosalía de Castro.
A entrega de premios aos gañadores/as terá lugar mañá venres 26 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio municipal durante o acto institucional contra a violencia de xénero. O alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Igualdade, Lorena Couso, serán os encargados de entregar os premios a: Uxía Domínguez Vidal (2º A), Mariña Sande Vizcaya (4ºB) e Sofía Agrasar Castro (6ºA) do CEIP Flavia; e Hugo Vidal Barreiro (2ºA), Lía Boullón Pintado (4ºB) e Mariña Boullón Pintado (6ºB) do CEIP Rosalía de Castro. Previamente, ás 19:00 horas, Malasombra Teatro porá en escena a obra “Bernarda”, candidata ao mellor espectáculo dos Premios Max 2021.
Hai saída do maltrato
Por outra banda, o CIM Terras de Iria compartiu en redes sociais un vídeo especial para conmemorar o 25 de novembro cunha mensaxe moi clara: hai saída do maltrato. “Esta é a idea que o CIM Terras de Iria quere transmitirlles ás veciñas de Padrón, Rois e Dodro. Para iso, estreamos un vídeo no que Loli Costa, persoa que logrou deixar atrás a violencia de xénero e nos conta a súa experiencia, ademais de animar a todas as mulleres vítimas a denunciar”, explica Lorena Couso.
No vídeo, Loli Costa conta a súa experiencia como vítima de violencia machista e traslada unha mensaxe de optimismo: “sei que non é fácil, pero é mellor estar aquí contándoo que mortas. Por favor, dade o paso”.
A programación especial do CIM Terras de Iria rematará o sábado 27 de novembro, ás 19:00 horas, coa posta en escena de “Feminíssimas”, da compañía Ste Xeito Producións. Unha programación que conta coa colaboración do Concello de Padrón, da Secretaría Xeral de Igualdade, do Ministerio da Igualdade e da Unión Europea.