O alumnado do primeiro curso do ciclo de Administrativo do IES Macías o Namorado realizou esta mañá unha visita de estudos ao Concello de Padrón, onde foron recibidos polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Xuventude e Voluntariado, Lorena Couso. Unha visita que ten como obxectivo “achegar ao alumnado á realidade do mundo laboral, neste caso unha administración local como o Concello de Padrón”, explica Isabel Covelo, profesora do ciclo.
Así, Antonio Fernández Angueira explicoulles ao alumnado, de idades comprendidas entre os 15 e os 20 anos, a estrutura do Concello, o funcionamento dos distintos departamentos e servizos municipais así como a operativo dos órganos de Goberno municipal. “Intentamos explicarlles todo o traballo que xera unha administración local e que ás veces non é visible para a sociedade. Dende a xestión das distintas peticións dos veciños e veciñas ata os decretos, resolucións e acordos que poden saír da Xunta de Goberno ou do Pleno”, sinala o alcalde padronés.
Pola súa banda, Lorena Couso deu a coñecer o programa de voluntariado local e animou aos presentes a participar pois “non é so unha maneira de colaborar e axudar ao teu pobo, tamén é algo que resulta moi útil á hora de conformar un currículo e que cada vez é máis valorado á hora de acceder a un posto de traballo”.
Primeira visita
A de hoxe é a primeira visita de estudos que realiza esta clase. “É unha forma de que os alumnos e alumnas vexan que o que estudan en cada módulo ten unha aplicación real”, apunta Isabel Covelo, “por exemplo, hoxe puideron ver como as matemáticas que aprenden son fundamentais á hora de cadrar un orzamento”.
A visita de hoxe serviu de achegamento ao funcionamento dunha administración. En próximas saídas está previsto tamén que o alumnado coñeza como se organizan pequenas e medianas empresas da contorna.