O Concello de Padrón retoma as visitas teatralizadas da man de ‘Chronicón Iriense’, ‘Camiño branco de Rosalía’ e ‘A Traslatio’ durante os meses de xullo, agosto, setembro e outubro. “Agora que a situación sociosanitaria permite realizar este tipo de actividades, consideramos que é preciso poñer en valor a tradición Xacobea do noso municipio neste Ano Santo”, explicou Lorena Couso, concelleira de Turismo do Concello de Padrón.
No mes de xullo todos os sábados ás 12:00 horas haberá unha saída dende Iria Flavia que rematará no casco histórico de Padrón baixo o título ‘Chronicón Iriense’. Neste caso, o actor Suso Martínez encarnará á personaxe do bispo Sisnando Menendiz para percorrer os principais recursos patrimoniais e naturais relacionados coa tradición do ‘Padrón Xacobeo’, con especial foco no territorio de Iria Flavia. O actor e guía ten unha ampla experiencia realizando este tipo de visitas teatralizadas, polo que garante unha ruta completa e con grandes doses de teatralidade.
Ao longo do mes de agosto, todos os mércores e venres ás 12:00 horas saíran do Fondo de Vila as persoas participantes acompañadas do recoñecido grupo teatral galego ‘Os Quinquilláns’, que representarán a Rosalía de Castro e ao seu amigo e pintor Brocos nun paseo polo casco histórico da vila. A ruta denominase ‘Camiño branco de Rosalía’.
Finalmente, nos meses de setembro e outubro, Suso Martínez encarnará a Atanasio, discípulo do Apóstolo, nunha visita na que se percorrerá o ‘Padrón Xacobeo’ ata rematar en Santiaguiño do Monte. Estas visitas serán os venres ás 20:00 horas en setembro e ás 19:00 horas no mes de outubro.
Todas as visitas serán gratuítas, pero é preciso inscribirse previamente a través do departamento de Turismo do Concello de Padrón. Así, as persoas interesadas en participar nesta actividade poden enviar un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou chamar ao teléfono 646 593 319.