A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime) e a Universidade de Vigo doaron un lote de batas para persoal sanitario e asistencial aos municipios de Padrón, Dodro e Rois. As prendas foron confecionadas de forma altruista polas empresas galegas Coasa, Ana Muñiz, Dalot e PinFactory. A iniciativa estivo coordinada e posta en marcha por Asime e UVigo, que uniron forzas dende o inicio da crise para impulsar iniciativas conxuntas da man do técido empresarial en loita contra o coronavirus.
O alcalde de Padrón, e os de Rois e Dodro acudiron en persoa a recepcionar a entrega na tarde do xoves. Antonio Fernández Angueira agradeceu a iniciativa e recalcou "a importancia de traballar unidos dende os diferentes eidos sociais na loita contra o coronavirus".
As batas elaboraronse cun material bicapa para garantir a súa impermeabilidade, para cumprir co requisito indispensable para o seu uso por parte do persoal sanitario. A parte interna é de polipropileno, un material transpirable, e a capa externa é de polietileno laminado.