O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, anunciou hoxe que o goberno local está a pechar os últimos detalles dos orzamentos municipais de 2017, que se caracterizarán fundamentalmente por "un importante incremento no gasto social", de xeito que as partidas destinadas aos servizos sociais e asistenciais e aos dependentes aumentarán máis dun 100%.
Tras manter unha reunión de traballo con varios concelleiros do equipo de goberno e co interventor, o alcalde adiantou que o documento definitivo dos orzamentos estará rematado en datas próximas e anunciou que nese momento remitiralle unha copia aos grupos da oposición para que dispoñan de tempo suficiente para estudalo antes do debate plenario. Ao respecto, lembrou que o Concello de Padrón ten prorrogados os orzamentos desde o ano 2014 e incidiu no feito de que "a estabilidade política que ten actualmente este concello permítenos presentar e sacar adiante unhas contas máis adaptadas á realidade e ás necesidades actuais do concello, de xeito que tamén se facilitará e axilizará o traballo administrativo".
Fernández Angueira subliña que grazas "á boa xestión económica" realizada nos últimos anos os vindeiros orzamentos permitirán amortizar preto de 200.000 euros de débeda, deixándoa en aproximadamente 700.000 euros, o que suporía unha rebaixa dun 38% respecto ao exercicio de 2014, data de aprobación do último orzamento.
En canto ao capítulo de investimentos, aínda que o goberno local está a pechar algúns detalles, o alcalde adiantou que a proposta orzamentaria para 2017 incluirá partidas para favorecer o aforro enerxético e para acometer obras como a pavimentación da avenida de Pontecesures, a humanización do Campo da Feira, a ampliación do saneamento en Extramundi, o acondicionamento da escola do Couto ou o reforzo e mellora da sinalización das vías públicas, entre outras actuacións.
Ademais, o alcalde tamén precisou que os orzamentos incluirán unha partida para iniciar a elaboración dunha Relación de Postos de Traballo (RPT), que é un dos compromisos adquiridos no acordo de goberno entre o PP e o PGD.