-
Anxo Arca recibiu a delegación xaponesa na casa consistorial e acompañouna á igrexa de Santiago para coñecer o Pedrón ||
-
A visita reforza os lazos de amizade entre a capital do Sar e Shingu, unidos polo seu irmandamento e pola tradición peregrina ||

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e membros do goberno municipal recibiron esta mañá na casa consistorial o gobernador da prefectura xaponesa de Wakayama, Izumi Miyazaki. A visita permitiu reforzar os lazos de amizade entre Padrón e Shingu, localidade desta prefectura coa que a capital do Sar está irmandada.
Miyazaki, que se atopa en Galicia para percorrer o Camiño de Santiago e coñecer o sistema de acollida de peregrinos, agradeceu o recibimento e asinou no Libro de Honra do Concello. Durante o encontro, convidou o rexedor padronés a visitar Wakayama.
A tradición peregrina constitúe un dos principais vínculos entre ambos os territorios: Padrón e Shingu forman parte, respectivamente, do Camiño de Santiago e da ruta Kumano Kodo, recoñecidos pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. Na súa intervención, Anxo Arca lembrou tamén a visita que estudantes xaponeses realizaron a Padrón en 2025 no marco do irmandamento.
Durante o intercambio de agasallos, o alcalde entregoulle ao gobernador un libro en xaponés sobre Rosalía de Castro, unha figura de Sargadelos dun peregrino en bicicleta e unha selección de produtos típicos padroneses, entre eles os caramelos de pemento. Pola súa banda, Miyazaki obsequiou o rexedor con dúas copas empregadas en actos oficiais.
Tras a recepción, ambas as comitivas trasladáronse á igrexa de Santiago, onde Anxo Arca explicou a historia do Pedrón e o vínculo da vila coa tradición xacobea, que distingue Padrón como Berce do Xacobeo.
A axenda da delegación de Wakayama en Galicia incluíu un tramo do Camiño e un xantar de confraternidade no pazo do Faramello xunto cos alcaldes e alcaldesa de Teo, Ames, Rois e Padrón; o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e outros representantes de entidades ligadas ao Camiño de Santiago.

Galego
Español 



