-->

Padrón crea dous itinerarios pedagóxicos ambientais no río Ulla e no Xardín Botánico

  • As propostas, impulsadas pola Oficina de Turismo en colaboración coa Asociación Medioambiental Amabul, buscan achegar o patrimonio natural á infancia e á mocidade e están pensadas para realizar en familia ou no ámbito escolar
  • Os materiais estarán dispoñibles nas webs de Turismo e do Xardín Botánico e, ao longo do ano 2027, programaranse actividades abertas ao público en xeral

O Concello de Padrón, a través da Oficina de Turismo en colaboración coa Asociación Medioambiental Amabul, acaba de crear dous novos itinerarios pedagóxicos ambientais destinados principalmente ao público infantil e xuvenil, que poderán desenvolverse tanto en familia como a través dos centros educativos.

As propostas teñen como escenario dous dos espazos naturais e patrimoniais máis destacados do municipio: o río Ulla e o Xardín Botánico Artístico de Padrón. O obxectivo común é favorecer unha aproximación didáctica, participativa e atractiva ao patrimonio natural e cultural, fomentando ao mesmo tempo a observación, o pensamento crítico, o respecto polo medio e o coñecemento da identidade local.

O primeiro dos itinerarios, denominado O Ulla como rede de vida, desenvólvese no ámbito do río Ulla e intégrase na recentemente inaugurada ruta de sendeirismo das pesqueiras de Padrón, a PR-G 276.

A actividade propón unha experiencia de educación ambiental construída arredor dunha narrativa de misterio. Ao longo do percorrido, as persoas participantes investigan as pesqueiras tradicionais, descobren aspectos relacionados coa ecoloxía e co ciclo vital da lamprea e analizan a relación existente entre a comunidade, o río e o territorio.

A proposta emprega como fío condutor a metáfora dos elementos visibles, invisibles e conceptuais que conectan o ecosistema e a acción humana. Desta maneira, búscase que as persoas participantes comprendan o río Ulla non só como un espazo natural, senón tamén como un territorio cultural no que se relacionan biodiversidade, usos tradicionais, memoria e actividade humana.

O itinerario permite coñecer o funcionamento das pesqueiras tradicionais, interpretar a migración e o ciclo vital da lamprea, analizar a calidade ecolóxica do río mediante bioindicadores e achegarse á microtoponimia como elemento de memoria cultural. Tamén pretende favorecer a reflexión sobre os impactos ambientais, tanto positivos como negativos, e sobre o papel que desempeñan as decisións humanas dentro desta rede de vida.

A actividade ten unha duración aproximada de tres horas e media e estrutúrase como unha investigación progresiva. A experiencia comeza coa presentación dun misterio que busca espertar a curiosidade do grupo e formular preguntas sen adiantar as respostas. A continuación, o percorrido polo río permite descubrir diferentes pistas en seis paradas, nas que as persoas participantes deben observar, interpretar e relacionar os elementos que van atopando. Finalmente, o grupo reconstrúe o misterio e comprende as conexións existentes entre os diferentes elementos naturais, culturais e sociais asociados ao Ulla.

Para facilitar o desenvolvemento da actividade, nos centros educativos creouse tamén un manual específico para o profesorado. O documento ofrece orientacións metodolóxicas, información para a preparación previa da saída, materiais necesarios, adaptacións en función das idades, criterios de avaliación e recomendacións de seguridade. A finalidade é garantir unha experiencia educativa completa, coherente e adaptada ás características de cada grupo.

O xardín da memoria viva

O segundo itinerario pedagóxico ambiental leva por título O xardín da memoria viva e ten como escenario o Xardín Botánico Artístico de Padrón, un dos espazos máis singulares e visitados do municipio e que recibe cada ano a visita de numerosos centros educativos.

Neste caso, a actividade propón descubrir o xardín a través da observación activa, da interpretación visual e simbólica e da fotografía como ferramenta educativa. A proposta busca achegar as persoas participantes ao valor natural e patrimonial do recinto, ao tempo que convida a reflexionar sobre a memoria individual e colectiva vinculada aos espazos públicos.

Durante o itinerario, os grupos deben observar e identificar diferentes elementos do xardín, interpretar esculturas e espazos como portadores de memoria e significado e empregar a fotografía para representar ideas, emocións ou conceptos. O traballo cooperativo e a toma de decisións compartidas forman tamén parte fundamental da actividade.

A experiencia, cunha duración aproximada de dúas horas, está deseñada para favorecer unha relación máis consciente co patrimonio e para que as persoas participantes aprendan a mirar o Xardín Botánico desde novas perspectivas, combinando natureza, historia, memoria e creación.

Este itinerario dispón igualmente dun manual para o profesorado que inclúe diferentes propostas para ampliar o traballo antes ou despois da visita.

Todo o material elaborado para estes dous itinerarios estará dispoñible na páxina web de Turismo de Padrón e na do Xardín Botánico, co obxectivo de que os centros educativos poidan preparalo previamente e utilizalo durante as súas visitas ao municipio.

Os recursos poderán consultarse no apartado Que facer – Actividades da web de Turismo de Padrón, permitindo que profesorado, familias e grupos interesados dispoñan das ferramentas necesarias para desenvolver as propostas de maneira autónoma.

Actividades abertas ao público xeral en 2027

Ademais, a Oficina de Turismo de Padrón prevé ofrecer ao longo de 2027 diferentes convocatorias destas actividades para facilitar a participación de todas aquelas persoas interesadas en descubrir o patrimonio natural e cultural do municipio a través dunha experiencia educativa e participativa.

Con estes dous novos itinerarios, o Concello de Padrón continúa avanzando na creación de recursos que permitan divulgar e poñer en valor o patrimonio local desde idades temperás, combinando educación ambiental, turismo, cultura e coñecemento do territorio.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…