- A boa acollida das primeiras xornadas leva a programar novas citas en Carcacía, A Ponte e Estramundi
- A inscrición previa é necesaria para participar nas sesións e recibir o composteiro de balde
O Concello de Padrón amplía a programación de sesións informativas de compostaxe doméstica e reparto de composteiros que se está a desenvolver estes días en distintos puntos do municipio.
Tras a boa acollida das xornadas celebradas en Estramundi, Pazos, A Ponte, Carcacía e Arretén, o Concello incorpora novas sesións co obxectivo de facilitar a participación da veciñanza e seguir promovendo a correcta separación e aproveitamento dos biorresiduos xerados nos fogares.
As novas citas terán lugar o xoves 15 de outubro, ás 20.30 horas, no local social de Carcacía; o venres 16, tamén ás 20.30 horas, no local social da Ponte; e o sábado 17 de outubro, ás 11.00 horas, na Casa da Cultura de Estramundi.
Durante estas sesións, as persoas participantes coñecen de maneira práctica como funciona un composteiro, que residuos poden depositarse nel e como aproveitar correctamente os biorresiduos domésticos.
As xornadas inclúen tamén unha demostración práctica sobre a montaxe e utilización dos composteiros, que se entregan de balde ás persoas inscritas xunto con material informativo para facilitar o seu uso posterior nos fogares.
Como inscribirse nas sesións
Para participar é necesario inscribirse previamente. As solicitudes poden realizarse a través do teléfono 623 932 143, escaneando o código QR dispoñible no cartel informativo ou mediante a ligazón bit.ly/compostaxe-padron.
A iniciativa busca fomentar a compostaxe doméstica como ferramenta para reducir a cantidade de residuos orgánicos que rematan na fracción resto, diminuír o volume de lixo mesturado e favorecer un aproveitamento máis sostible dos recursos.
Ao mesmo tempo, o programa contribúe a sensibilizar a cidadanía sobre a importancia da separación dos residuos na orixe e da adopción de hábitos vinculados á economía circular e á prevención de residuos.
A actuación está promovida polo Concello de Padrón e conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Unión Europea a través dos fondos europeos.
Galego
Español 



