-->

O Programa Integrado de Emprego Dodro 2025-26 logra a inserción laboral do 38 % do alumnado

  • O alcalde en funcións, Luis Mariño, asistiu ao acto de clausura celebrado este venres en Dodro
  • Un cento de persoas dos municipios de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Valga e Catoira estiveron formándose durante nove meses

    20260925 Clausura Programa Integrado Emprego 2025 26 6

 

O alcalde de Padrón en funcións, Luis Mariño, participou este venres no acto de clausura do Programa Integrado de Emprego Dodro 2025-2026, no que un cento de persoas desempregadas dos concellos de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Catoira e Valga recibiron durante nove meses formación, orientación e acompañamento para facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. Ao remate desta edición, o 38 % das persoas participantes conseguiron un emprego, superando o obxectivo mínimo de inserción establecido para o programa.

Luis Mariño felicitou o conxunto do alumnado polo traballo realizado e, de maneira especial, as 38 persoas que xa conseguiron incorporarse ao mercado laboral.

O alcalde en funcións puxo en valor o labor desenvolvido polo equipo docente e técnico e agradeceu o apoio económico da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para facer posible o programa. “Á vista dos exitosos resultados que se veñen acadando edición tras edición, agardamos que este financiamento teña continuidade nos próximos anos”, afirmou.

Mariño fixo extensivo o agradecemento ás empresas colaboradoras, que definiu como “fundamentais” na vertente práctica da formación e na creación de oportunidades para as persoas desempregadas da comarca. Así mesmo, incidiu na importancia da colaboración institucional: “Os seis concellos que participamos neste programa demostramos que, traballando xuntos, podemos ofrecer máis oportunidades á nosa veciñanza”.

No acto de clausura participou tamén o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, xunto con representantes dos municipios implicados no programa. Durante a súa intervención, Couce puxo en valor a colaboración entre administracións para facer posible unha iniciativa que espera se repita o ano que vén. De feito, avanzou que, de cara á edición 2026-27, a Xunta xa prevé unha achega de 230.000 euros, superior á actual de 220.000 euros.

Pola súa parte, o alcalde de Dodro, Xabier Castro, amosou a súa confianza en que o Programa Integrado de Emprego poida ter continuidade “nunha nova edición que imos facer igual de ben ou mellor”.

Castro destacou que esta iniciativa non só ofrece formación ás persoas participantes, senón que en moitos casos tamén supón unha primeira toma de contacto co tecido empresarial da comarca, especialmente para aquelas persoas que veñen de fóra.

Ao remate do PIE, 38 das 100 persoas que se formaron conseguiron incorporarse ao mercado laboral, superando deste xeito o 37 % de inserción laboral que esixía a Xunta de Galicia.

A clausura estivo precedida por unha xornada de contacto directo co tecido empresarial. Representantes de cinco empresas da comarca trasladáronlles ás persoas participantes os perfís profesionais que demandan actualmente, ademais de ofrecerlles orientacións para mellorar a presentación dos currículos e afrontar os procesos de selección.

20260925 Clausura Programa Integrado Emprego 2025 26 7

Nesta sesión participaron representantes de Ana Muñiz, STAC, Cortizo, Finsa e Fesba, que achegaron ao alumnado información de primeira man sobre as necesidades das empresas e as competencias que valoran á hora de incorporar persoal.

Formación orientada ás necesidades do mercado laboral

Durante os nove meses de duración, o Programa Integrado de Emprego ofreceu ás cen persoas participantes asesoramento e orientación laboral individualizada, ademais de formación en ámbitos como a industria alimentaria, fabricación mecánica, téxtil, confección e pel, administración e xestión, comercio e loxística, hostalería e turismo, servizos á comunidade e sociosanitarios, e imaxe e son.

A formación completouse con obradoiros de coaching e intelixencia emocional, desenvolvemento de habilidades sociais, preparación de entrevistas de traballo, prácticas non laborais e accións de apoio ao autoemprego, ademais da colaboración directa co tecido empresarial da contorna.

O Concello de Padrón considera que a continuidade deste tipo de programas permite combinar formación, orientación e contacto coas empresas, ao tempo que a cooperación entre administracións amplía os recursos dispoñibles para favorecer a inserción laboral da veciñanza.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…