-->

As festas do Santiaguiño reúnen milleiros de persoas en Padrón na tradicional romaría do monte San Gregorio

  • Antonio Cajaraville e os irmáns Carlos e Uxío Beiró volveron encargarse de portar a imaxe do santo ata a capela do Santiaguiño, sumándose este ano a eles Juan Villamor

  • A animada procesión, con baile incluído, polas rúas da vila sorprendeu un ano máis a visitantes e a peregrinos

  • O alcalde, Anxo Arca, presidiu os actos xunto ao equipo de goberno padronés, destacando a excelente resposta da xente “na celebración que mantén viva unha das tradicións máis queridas de Padrón”

  • No monte, o Concello repartiu gratis máis de 1.500 racións de sardiñas con bolos preñados, cachelos e pan de millo, e tamén 700 sombreiros conmemorativos de recordo

    20260725 Padron Santiaguinho do Monte 2

Padrón viviu esta fin de semana dous intensos e multitudinarios días coa celebración do Santiaguiño do Monte, que volveu reunir milleiros de persoas na vila. Este sábado, 25 de xullo e día grande das festas, a singular procesión e a posterior romaría no monte San Gregorio congregaron a veciñanza, a visitantes e a peregrinos nunha das citas máis emblemáticas do calendario festivo padronés.

Milleiros de persoas desfrutaron dunha xornada marcada pola devoción, pola música popular e pola convivencia. O alcalde, Anxo Arca, presidiu xunto ao resto do goberno padronés tanto a procesión como a subida ao monte, destacando a excelente resposta da xente, que un ano máis volveu encher o monte San Gregorio “participando nunha celebración que mantén viva unha das tradicións máis queridas de Padrón e que cada ano reúne milleiros de persoas arredor da nosa cultura, da nosa historia e das nosas festas".

A procesión do Santiaguiño Parrandeiro, como se coñece popularmente á imaxe do Apóstolo Santiago, percorreu as rúas da vila antes da tradicional subida ao monte, un dos momentos máis esperados da celebración. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a imaxe foi portada por Antonio Cajaraville e polos irmáns Carlos e Uxío Beiró, aos que este ano se sumou Juan Villamor substituíndo a Manuel, o irmán de Antonio. Entre os catro, subiron o santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte.

Antes, no percorrido polo casco histórico, a imaxe de Santiago estivo acompañada por outros santos que tamén saíron da igrexa parroquial, así como polo neno Xesús, ao que sacaron en procesión un grupo de nenos e nenas.

Os tradicionais bailes dos santos volveron sorprender os peregrinos e os turistas que se achegaron a presenciar a procesión e que non coñecían esta tradición padronesa, da que un ano máis volveu desfrutar a veciñanza. Este 25 de xullo, en Padrón deuse cita xente chegada desde lugares como Asturias, Cantabria, Cataluña, Murcia, Madrid ou Andalucía, encantada de participar nunha romaría tan emblemática.

Ás 13.00 horas celebrouse a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa. Ao remate, deu comezo a gran sardiñada, outra das tradicións máis representativas desta celebración.

20260725 Padron Santiaguinho do Monte 3

Nela, o alcalde e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron entre as numerosas persoas que fixeron cola un sombreiro conmemorativo para levar de recordo coas racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, o Concello repartiu máis de 1.500 racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.

Coma sempre, foron moitas as familias e os grupos de amigos que compartiron un xantar popular nalgunha das múltiples carpas instaladas no monte ou nas parcelas, coas mesas que cada quen preparou para desfrutar da romaría, e moitos ataviados para a ocasión con camisetas.

20260725 Padron Santiaguinho do Monte 4

Esta estivo amenizada pola música tradicional dos grupos folclóricos O Pedrón, Arreixeira, San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, Xoldra e a Banda de Gaitas de Gondomar, enchendo o monte de música e ambiente festivo. Pola tarde, a cativada puido gozar tamén dunha festa infantil con xogos e actividades.

Ás 19.00 horas, a baixada da imaxe do Santiaguiño puxo o punto final á romaría, devolvendo o santo á igrexa parroquial ata a próxima edición das festas.

Para facilitar os desprazamentos durante toda a xornada, o Concello de Padrón habilitou un servizo de transporte adaptado entre o Campo do Souto e o monte San Gregorio, tanto para a subida como para a baixada das persoas asistentes, favorecendo unha mobilidade máis cómoda e segura.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…