-
‘Desfruta o Padrón Xacobeo co teu can’ consistirá nunha ruta guiada de 3 km, gratuíta e pensada para as persoas que queiran desfrutala na compañía dos seus animais
-
Con esta proposta innovadora, Padrón dá un paso máis cara a un modelo turístico máis sostible, inclusivo e adaptado ás novas demandas, “pois cada vez máis persoas viaxan coas súas mascotas e buscan experiencias de calidade e en contacto coa natureza”, destaca a concelleira de Turismo, Chus Campos
O Concello de Padrón, en colaboración coa axencia de viaxes pet friendly Rekunchos, presenta unha nova proposta turística innovadora baixo o título Desfruta o Padrón Xacobeo co teu can, unha actividade pioneira no municipio que busca diversificar a oferta e atraer novos perfís de visitantes comprometidos co respecto ao patrimonio e coa sustentabilidade.
Esta iniciativa, que se celebra por primeira vez en Padrón, terá lugar o sábado 2 de maio, en horario de 11:00 a 13:30 horas, e consistirá nunha ruta de 3 quilómetros con visita guiada pensada para ser desfrutada en compañía de cans, fomentando así un modelo de turismo responsable, inclusivo e respectuoso coa contorna.
A actividade será totalmente gratuíta e permitirá ás persoas participantes descubrir algúns dos enclaves máis significativos do Padrón xacobeo desde unha perspectiva diferente, combinando patrimonio, natureza e convivencia responsable cos animais.
Desde o Concello, a concelleira de Turismo, Chus Campos, destaca que esta proposta “responde á necesidade de adaptarse ás novas tendencias turísticas, xa que cada vez máis persoas viaxan coas súas mascotas e buscan experiencias sostibles, de calidade e en contacto coa contorna”. Ademais, subliña que este tipo de accións contribúen a afianzar Padrón “como un destino innovador dentro do Camiño de Santiago, ampliando o seu atractivo máis alá do turismo tradicional”.
A organización corre a cargo de Rekunchos e do propio Concello de Padrón, dentro da súa estratexia de promoción turística vinculada ao territorio, ao patrimonio cultural e ao respecto polo medio natural.
As persoas interesadas poden inscribirse nesta ligazón e obter máis información e realizar consultas a través de WhatsApp no número 673 449 527 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Con esta primeira iniciativa pet friendly, Padrón dá un paso máis cara a un modelo turístico máis sostible, inclusivo e adaptado ás novas demandas, reforzando o seu compromiso coa posta en valor do seu patrimonio e coa captación de visitantes responsables.
Galego
Español 



