-
O Concello organiza un obradoiro creativo, un contacontos e unha mostra bibliográfica para fomentar a lectura entre a veciñanza
-
As actividades desenvolveranse ao longo do mes de abril con propostas para público familiar, infantil e xuvenil
O Concello de Padrón celebra durante este mes de abril o Mes do Libro cunha programación cultural pensada para achegar a lectura á veciñanza de todas as idades, con especial atención ao público infantil, familiar e xuvenil.
As actividades desenvolveranse na Biblioteca Municipal e inclúen propostas participativas e de animación lectora que buscan converter este espazo nun punto de encontro arredor dos libros.
A programación comeza este martes 14 de abril coa apertura dunha mostra bibliográfica xuvenil (+13), que reúne unha coidada selección de títulos dirixidos á mocidade, con lecturas que buscan atrapar desde a primeira páxina e convidar a reflexionar, medrar e imaxinar. Como complemento, durante este período tamén se fará entrega dun marcapáxinas de agasallo, como acción de promoción do libro e da lectura.
O xoves 23 de abril, ás 17.30 horas, coincidindo co Día do Libro, terá lugar un obradoiro de decoración de bolsas portalibros, dirixido ao público xeral e familiar. As persoas participantes poderán personalizar bolsas e mochilas de diferentes cores e tamaños para transportar os seus libros, empregando materiais como retallos, feltros, cintas ou apliques. A actividade, impartida por O faiado de Nin, terá unha duración aproximada de 90 minutos.
A programación completarase o mércores 29 de abril, ás 17.30 horas, cun contacontos para nenos e nenas de 4 a 12 anos. A través de Os contos da leiteira, a compañía OQO ofrecerá unha sesión de narración oral de 50 minutos que combina historias protagonizadas por mulleres diversas con relatos simbólicos interpretados por animais, promovendo valores como a igualdade e a diversidade.
As persoas interesadas en participar poden realizar a súa inscrición na Biblioteca Municipal de Padrón, a través dos teléfonos 981 810 761 e 645 846 479, ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
Esta iniciativa conta coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco do programa Ler conta moito, e reforza o compromiso do Concello de Padrón coa promoción da lectura e coa dinamización cultural, convertendo a biblioteca nun espazo vivo de encontro, aprendizaxe e participación.
Galego
Español 



