-->

O III Día da Memoria Democrática Padronesa homenaxeará ao guerrilleiro antifranquista Manuel Cajaraville ‘O Barbarroxa’

  • O acto organizado polo Concello de Padrón celebrarase o martes 14 de abril ás 18.00 horas no Auditorio Municipal

O Concello de Padrón celebrará o vindeiro martes 14 de abril a terceira edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, unha iniciativa institucional creada para honrar ás vítimas da represión franquista e reivindicar os valores de liberdade, xustiza e memoria histórica.

O acto terá lugar ás 18.00 horas no Auditorio Municipal de Padrón e incluirá unha homenaxe a Manuel Agrasar Cajaraville, coñecido como O Barbarroxa, guerrilleiro antifranquista nado en Padrón arredor do ano 1912 e falecido en Loureiro (Luou, Teo) o 19 de maio de 1948.

Manuel Agrasar Cajaraville formou parte da resistencia antifranquista tras o final da Guerra Civil. Mariñeiro voluntario dende 1935 e tripulante do buque José Luís Díez, incorporouse posteriormente ao exército republicano en Asturias. Tras a derrota republicana foi capturado en setembro de 1939 e xulgado en Xixón por rebelión, sendo condenado a cadea perpetua.

Co paso dos anos integrouse na V Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, liderada polos coñecidos guerrilleiros Benigno Andrade Foucellas e José Remuiñán Barreiro Ricardito.

O 19 de maio de 1948, o grupo foi localizado pola Garda Civil nunha casa en Loureiro (Luou). Tras o incendio da vivenda onde se refuxiaban, Manuel Cajaraville morreu xunto con tres compañeiros -Florentino Menéndez Palacio, Ricardo Fernández Carlés e Vicente López Novo- polos disparos das metralladoras.

A recuperación da memoria

A homenaxe deste ano chega despois dos traballos de estudo e exhumación realizados no cemiterio de Santa María de Luou (Teo) polo grupo de investigación Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural) da Universidade de Santiago de Compostela, que permitiron recuperar os restos de catro guerrilleiros da resistencia antifranquista, entre os que podería estar o de Manuel Agrasar.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, acompañado pola concelleira Mariló Saco, visitou o pasado mes de novembro o lugar das escavacións para coñecer de primeira man os traballos realizados polo equipo investigador. Durante esa visita destacou a importancia destas actuacións para dignificar a memoria das persoas represaliadas e devolver ás familias os corpos co respecto que merecen, subliñando tamén o valor de recuperar a historia das persoas da contorna que participaron na resistencia antifranquista.

O Día da Memoria Democrática Padronesa, impulsado polo Concello en 2024, naceu coa vontade de recoñecer ás persoas que sufriron a represión franquista e contribuír á recuperación da memoria histórica da vila.

Con esta terceira edición, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa dignificación das vítimas e coa difusión da historia recente, convidando á veciñanza a participar nun acto colectivo de lembranza e reflexión arredor dos valores democráticos.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…