-
A actuación realizarase grazas a unha subvención de 79.938,01€ dos fondos NextGenerationEU da Unión Europea
O Concello de Padrón está a executar actualmente as obras de reparación e posta en funcionamento dos depósitos de auga de Arretén, unhas instalacións que levan case vinte anos avariadas e en desuso tras quedar seriamente danadas polas riadas do ano 2006.
Durante todo este tempo, estas infraestruturas permaneceron sen funcionamento, o que obrigou ao sistema municipal de abastecemento a depender en maior medida de captacións externas. Coa actuación que se está a levar a cabo, o Concello pretende recuperar unha infraestrutura propia que resulta clave para a rede municipal de abastecemento.
Ademais da reparación dos depósitos, a actuación inclúe tamén a modificación do trazado da tubaxe de condución da auga. O percorrido anterior discorría polo leito do río, unha situación que provocara os danos durante as riadas de 2006. Co proxecto en execución, o trazado está a ser trasladado ás pistas da zona, facendo o percorrido máis racional e seguro e reducindo o risco de posibles danos ante futuras inclemencias meteorolóxicas.
Unha vez finalizada a intervención, os depósitos permitirán almacenar e distribuír auga procedente dos mananciais municipais, o que suporá unha mellora importante na eficiencia do sistema. Ademais, esta actuación terá un efecto directo nas arcas municipais, xa que reducirá a necesidade de captar auga da subestación de Arousa Norte, pola que o Concello debe asumir un custe económico. En termos prácticos, isto traducirase nunha optimización dos recursos municipais e nun aforro económico a medio e longo prazo, ao poder utilizar de novo a auga procedente das captacións propias do Concello.
A obra conta cun investimento de 79.938,01 euros (IVE incluído), financiado a través da subvención, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións destinadas a minimizar as perdas de auga nos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU. Esta liña de axudas foi convocada para o ano 2025 con carácter plurianual (código de procedemento AU301E).
Con esta actuación, segundo a concelleira obras Ana Castro “o Concello busca recuperar unha infraestrutura municipal que levaba anos deteriorada e avanzar cara a unha xestión máis eficiente, sostible e económica do abastecemento de auga, reducindo custes e aproveitando mellor os recursos naturais propios”.
“A recuperación dos depósitos de Arretén exemplifica o compromiso municipal por rehabilitar infraestruturas existentes, mellorar os servizos públicos e facer unha xestión responsable do diñeiro público” finaliza o alcalde Anxo R. Arca.
Galego
Español 



