-->

Comeza o Programa Integrado de Emprego 2025-2026 con cen persoas participantes da comarca

  • O programa, que integra a seis concellos, busca superar o 40% de inserción acadado en edicións anteriores grazas á formación á carta para as empresas da zona

  • Os alcaldes de Padrón e Dodro, xunto a representantes do resto de municipios, inauguraron hoxe en Padrón esta novena edición financiada pola Xunta e o SEPE

  • O alumnado recibirá formación especializada en áreas como loxística, hostalería ou industria alimentaria e contará con prácticas en empresas e bolsas de asistencia

 

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu esta mañá o inicio dunha nova etapa profesional para cen persoas desempregadas de Padrón, Dodro, Rois, Pontecesures, Catoira e Valga. A apertura do Programa Integrado de Emprego (PIE) 2025-2026 marca o arranque de nove meses de formación intensiva deseñada especificamente para cubrir as vacantes técnicas que demandan as empresas do tecido produtivo da comarca.

O proxecto, que conta cun investimento próximo aos 300.000 euros cofinanciados pola Xunta de Galicia e o SEPE, consolídase como unha ferramenta fundamental para a dinamización económica local. O rexedor de Dodro, Xavier Castro, destacou a traxectoria dun programa que cumpre nove edicións: “Ofrecemos unha formación directa, rápida e a que demandan as empresas da comarca. Esta é unha ocasión única para formarvos e atopar un traballo”, suliñou ante o alumnado presente.

Pola súa banda, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, quixo poñer en valor a importancia da formación de proximidade para fixar poboación e talento no territorio. Arca animou aos participantes a “aproveitar unha oportunidade única de formarse naqueles campos que precisan as empresas da comarca, o que vos pode axudar a traballar preto das vosas casas”. O rexedor padronés amosouse optimista respecto aos resultados, confiando en que este ano volva superarse o obxectivo mínimo do 37% de inserción para achegarse ou superar a metade do alumnado con emprego ao remate do ciclo.

Ao acto de inauguración, ademais de Anxo Arca e Xavier Castro, tamén asistiron a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, e os alcaldes de Catoira, Xoán Xosé Castaño, e de Rois, Ramón Tojo. Non puido asistir o rexedor de Valga.

O obxectivo Programa Integrado de Emprego 2025-2026 é mellorar a empregabilidade e favorecer a inserción laboral mediante accións personalizadas que combinan orientación, formación e prácticas en empresas. O itinerario inclúe entrevistas individuais, asesoramento laboral, talleres de habilidades sociais, intelixencia emocional, mobilidade laboral e preparación para procesos de selección.

A parte formativa centrarase en sectores cunha alta demanda de persoal, como: industrias alimentarias, fabricación mecánica, téxtil e confección, administración e xestión, comercio e loxística, hostalería e turismo, servizos á comunidade, sociosanitario ou imaxe e son.

As persoas participantes tamén poderán realizar prácticas non laborais en empresas da contorna, e contarán cunha bolsa diaria de 10 euros para facilitar a asistencia ás actividades formativas.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…