-
O percorrido comezará as 17.00 horas na Avenida de Compostela, para seguir por As Lágrimas e o paseo do Espolón
-
O cortexo real visitará ao Belén vivente na Igrexa de Santiago e será recibido no Concello pola Corporación Municipal
-
Dende este luns poderán recollerse os vales para subir de balde no carrusel de cabaliños
O Concello de Padrón prepárase para vivir unha das tardes máis agardadas do ano. O vindeiro luns, 5 de xaneiro de 2026, as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas da vila nunha celebración que conxuga o fervor das tradicións locais coa alegría do público infantil.
A comitiva real iniciará a súa andaina ás 17.00 horas na Avenida de Compostela, para seguir por As Lágrimas e o paseo do Espolón. Un dos momentos máis singulares e emotivos terá lugar na Igrexa de Santiago, onde os Reis realizarán a tradicional ofrenda ante un Belén vivente integrado por María, Xosé, o Neno e os pastorciños, unha das imaxes máis representativas do Nadal padronés.
Tras o paso polo templo, a Corporación Municipal recibirá oficialmente ás Súas Maxestades na Casa do Concello. O broche de ouro da xornada poñerase no polideportivo do Souto, onde Melchor, Gaspar e Baltasar escoitarán as peticións de última hora dos nenos e nenas e faranlles entrega dun agasallo.
Reparto de vales
Para dinamizar a espera, o Campo do Souto contará co habitual carrusel de cabaliños Hernáiz. A atracción funcionará de balde o propio día 5 de 17.00 a 20.00 horas.
O reparto de tickets para esta actividade comeza este mesmo luns, 22 de decembro. As familias interesadas poderán recoller os seus vales (máximo 3 viaxes por neno/a) no Centro Social ata o 2 de xaneiro, en horario habitual e ata esgotar existencias.
Dende a Concellería de Festexos convídase a toda a veciñanza e visitantes a participar nunha xornada segura, familiar e chea de maxia que pon o peche perfecto ás festas de Nadal.
Galego
Español 



