-
A instalación, cunha superficie de 240 metros cadrados, estará operativa dende este venres 5 de decembro
-
A pista abrirá ao público ata o 11 de xaneiro en diferentes franxas segundo o calendario escolar
-
A entrada terá un prezo de 7 euros por sesión, cun tempo de uso de 40 minutos
-
Os centros educativos poderán usar a pista de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, con reserva previa e un prezo bonificado de 4 euros
-
Coa incorporación desta nova infraestrutura, o Concello reforza a súa aposta por un Nadal con máis contido e máis propostas para a veciñanza

O acendido das luces de Nadal deste domingo marca o inicio dunhas festas nas que o Concello de Padrón reforza a súa aposta por unha programación máis ampla e participativa. Música, teatro, deporte e actividades de animación enchen un calendario pensado para que a veciñanza goce destas datas. A gran novidade deste ano é a instalación da primeira pista de xeo natural da historia do municipio, un novo espazo de lecer familiar que converterá o entorno do pavillón do Souto no principal punto de encontro das festas.
A pista, cunha superficie de 240 metros cadrados, estará operativa dende este venres 5 de decembro ata o 11 de xaneiro e instalarase baixo carpa para garantir o seu uso en calquera condición meteorolóxica.
Horarios e funcionamento
A pista de xeo abrirá ao público en diferentes franxas segundo o calendario escolar. Durante os días lectivos funcionará de luns a xoves entre as 16.30 e as 22.00 horas; os venres e sábados prolongará o horario ata as 22.30 horas; e os domingos abrirá de 11.00 a 14.00 horas e, pola tarde, de 16.30 a 22.00 horas.
Nos períodos non lectivos, de luns a venres, a instalación ofrecerá dúas quendas, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 22.00 horas. En datas especiais, como os días 24 e 31 de decembro ou o 5 de xaneiro, a pista abrirá de 11.00 a 19.00 horas. Pola súa banda, o 25 de decembro, o 1 de xaneiro e o 6 de xaneiro funcionará en horario de tarde, de 17.00 a 22.00 horas.
Os centros educativos tamén poderán desfrutar da pista -agás en períodos vacacionais- de luns a venres entre as 10.00 e as 14.00 horas, sempre mediante reserva previa. Nestes casos aplicarase unha bonifación e o prezo será de 4 euros.
A entrada terá un prezo de 7 euros por sesión, cun tempo de uso de 40 minutos. As reservas para grupos e colexios deberán formalizarse a través do número de WhatsApp 655 604 833.
Un Nadal para gozar en familia
Coa incorporación desta nova infraestrutura, o Concello de Padrón reforza a súa aposta por un Nadal con máis contido e máis propostas para a veciñanza. A instalación da pista de xeo súmase ao conxunto de iniciativas que buscan crear espazos de encontro, favorecer a participación e ofrecer actividades pensadas para que as familias desfruten destas datas, ao tempo que dinamiza o comercio local, impulsa os negocios do municipio e atrae visitantes a Padrón, consolidando a cidade como un destino atractivo durante a época festiva.
Galego
Español 



