-
O programa desenvolverase entre outubro e decembro no Auditorio Municipal
-
O ciclo reunirá compañías galegas, bandas locais e proxectos audiovisuais nunha programación aberta á veciñanza
-
O venres 7 de novembro entregarase o Premio Maruxa Villanueva 2024 a Lidia Veiga
O Concello de Padrón vén de anunciar a programación do Outono Cultural 2025, unha ampla oferta de actividades que encherán de cine, música e teatro os meses de outubro, novembro e decembro. Esta cita, xa consolidada no calendario cultural padronés, conta co apoio da Deputación da Coruña e coa inclusión na Rede Cultural.
A programación iniciouse a pasada fin de semana coa Mostra de Cine en Galego, que incluíu a proxección da película Antes de Nós e dos documentais A poeta analfabeta e A loita final. As sesións completáronse con coloquios con creadores e con proxeccións infantís para o público máis novo, consolidando unha primeira cita que terá continuidade nos vindeiros anos.
Nos próximos meses, o Auditorio Municipal de Padrón acollerá un amplo abano de propostas culturais. Todos os espectáculos celebraranse ás 19:00 horas.
O venres 7 de novembro abrirá o escenario a compañía Teatro MoRRAconto coa obra Tromsø, nunha xornada na que tamén se entregará o Premio Maruxa Villanueva 2024 a Lidia Veiga, protagonista do espectáculo. O sábado 8 será a quenda da Asociación Cultural Charamela, que representará a peza E parecía parvo!.
O venres 14 proxectarase o documental Prisciliano e a Gallaecia, que debuxa o perfil desta figura histórica a través dun percorrido polos xacementos arqueolóxicos vinculados á súa vida. A sesión contará cun coloquio no que participarán o director, Aser Álvarez, e o historiador e arqueólogo Diego Piay. O sábado 15 será a Banda de Música Municipal de Padrón a encargada de ofrecer o tradicional concerto de Santa Icía.
O venres 21 subirá ao escenario Teatro Malasombra coa obra Testosterona, unha comedia que aborda a desigualdade laboral a través da historia de dous subdirectores que compiten por un posto de máxima responsabilidade. O sábado 22 celebrarase un concerto de corais coa participación da Coral Polifónica de Tomiño, a Coral Polifónica de Silleda e a Coral Polifónica Padronesa.
O venres 28 será a compañía Teatro aAntena quen poña en escena Golpes, un espectáculo íntimo que reflexiona sobre a violencia machista. O sábado 29 terá lugar un concerto da Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela.
Humor e tradición nas propostas do mes de decembro
O sábado 6 de decembro representarase Os dous de sempre, unha nova adaptación teatral da única obra narrativa escrita por Castelao, a cargo de Producións Excéntricas e interpretada polo dúo cómico Mofa & Befa, formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, baixo a dirección de Quico Cadaval.
O venres 12 será a quenda do documental Lévame a idea, que rende homenaxe ás creadoras e divulgadoras da música de tradición oral galega. O sábado 13 pechará este bloque a Asociación Teatral O Aturuxo de Melpómene coa representación de A pena do cu do mundo, unha comedia musical con textos e dirección de Leandro Lamas.
Co Outono Cultural 2025, o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa cultura como ferramenta de cohesión social e de posta en valor da identidade local. Esta programación aposta pola lingua galega, pola creación escénica e pola música como espazos de encontro entre xeracións e como parte esencial da vida comunitaria.
Galego
Español 



