-
Participou na clausura deste obradoiro no que se formaron 15 mozos e mozas en tratamento e maquetación de elementos gráficos de preimpresión
-
O alumnado deseñou o cartel para a campaña do 25N
-
“A cidadanía vai ver o voso traballos e poderá comprobar que este obradoiro é un investimento que ten repercusión en toda a veciñanza”
-
O acto celebrouse no multiúsos de Rois coa asistencia co alcalde roisense, a delegada da Xunta na Coruña e o tenente alcalde de Dodro
.jpg)
O alcalde de Padrón resaltou o “compromiso coa xuventude” dos tres concellos da comarca do Sar para que a mocidade teña moitas oportunidades laborais. Anxo Arca participou esta mañá na clausura do obradoiro Xuventude Terra de Iria 2024-2025, no que se formaron 15 mozos e mozas da comarca en tratamento e maquetación de elementos gráficos e preimpresión.
Anxo Arca resaltou que o alumnado deste obradoiro deseño o cartel que utilizará o Centro de Información a Muller durante a campaña do 25N. “A cidadanía vai ver o voso traballo e poderá comprobar que este obradoiro é un investimento que ten unha repercusión positiva en toda a veciñanza e serve para darvos unha oportunidade laboral á xuventude”, díxolle Anxo Arca ao alumnado durante a clausura.
O alcalde lembrou que a colaboración entre Padrón, Rois e Dodro permite poñer en marcha iniciativas que facilitan a formación das persoas desempregadas dos tres municipio e amosou a súa esperanza de que a Xunta siga colaborando nestas iniciativas.
No obradoiro Xuventude Terras de Iria formáronse 15 mozas dos tres concellos durante os últimos doce meses, combinando a formación teórica a a práctica profesional no ámbito da promoción turística e do desenvolvemento local.
Neste período deseñaron o cartel para campaña do 25N que vai utilizar o Centro de Información á Muller nos actos conmemorativos do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres. Tamén se encargaron do deseño da nova imaxe corporativa de Terras de Iria, da ruta das tapas que se vai celebrar en Rois e de trípticos turísticos para promocionar as rutas de sendeirismo de Dodro.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo, tamén puxo en valor a colaboración entre os concellos de Padrón, Rois e Dodro para manter estas iniciativas “que redundan en beneficio da nosa veciñanza”, ao tempo que felicitou ao alumnado por todo o traballo realizado.
Pola súa banda, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, destacou que os participantes poñen punto e final a un ano intenso cheo de aprendizaxe, esforzo e ilusión, e subliñou que este programa abre novas portas laborais e ofrece máis ferramentas e experiencia para acceder ao mercado de traballo con garantías.
A representante autonómica felicitou aos participantes polo seu labor e destacou que ademais de aprender fixeron unha contribución de gran valor para os seus concellos e para o desenvolvemento turístico da comarca.
O obradoiro Xuventude Terras de Iria 2024-2025 contou cunha achega da Xunta de máis de 420.000 euros.
Galego
Español 



