-
O propósito é garantir que todas as persoas e familias dispoñan do apoio necesario para afrontar as súas necesidades cotiás
-
O investimento supera os 157.000 euros
O Concello de Padrón, co respaldo da Deputación da Coruña, reforza cada ano os servizos sociais municipais co obxectivo de que ninguén quede atrás e todas as persoas e familias poidan facer fronte ás súas necesidades do día a día.
O Programa de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais (FOPPSS 2025) permite ao Concello dispoñer de recursos económicos e técnicos para manter en funcionamento os servizos sociais básicos, tal e como establece a Lei 13/2008. Grazas a este programa, Padrón conta cun equipo que inclúe:
- Dúas auxiliares administrativas, que facilitan a tramitación de axudas e xestións.
- Unha técnica de intervención familiar, que acompaña a familias en situacións complexas.
- Unha técnica de coordinación do voluntariado, que promove a colaboración solidaria no municipio.
- Persoal auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que atende a persoas maiores ou con dependencia nas súas casas, axudándoas nas tarefas cotiás.
No que vai de ano, o SAF xa atendeu a 30 persoas usuarias en Padrón, ofrecendo apoio directo nas súas vivendas para mellorar a súa calidade de vida.
Ademais, a través do Programa de Posibilidades Sociais (POSS Social), o Concello ofrece axudas económicas de emerxencia a persoas e familias en situación difícil, destinadas a cubrir gastos de vivenda, alimentación, educación, medicamentos, transporte ou outros conceptos básicos cando os recursos non chegan. Só en 2025, 99 persoas beneficiáronse destas axudas, das cales 64 son mulleres e 35 homes.
O investimento da Deputación da Coruña destinado a estas actuacións supera os 157.000 euros, contribuíndo integramente a mellorar a atención social en Padrón.
O Concello lembra que os servizos sociais son unha porta de entrada fundamental para todas aquelas persoas que precisan apoio, e fai un chamamento á veciñanza para que non dubide en informarse e acudir a eles cando exista unha situación de necesidade.
.jpg)
Galego
Español 



