-
O alcalde de Padrón participou esta mañá no acto de clausura xunto a delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e aos alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e Dodro, Xavier Castro ||
-
Formáronse en atención sociosanitaria a domicilio e acabados ríxidos e urbanización ||
-
Dos 20 alumnos e alumnas participantes, 4 xa están traballando ||

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, agradeceu esta mañá o esforzo das 20 persoas desempregadas que participaron no obradoiro dual de emprego Comarca do Sar 2024 e amosou a súa confianza de que pronto todas elas se incorporen ao mercado laboral en dous sectores que están demandando persoal. De feito, catro destas vinte persoas que se formaron en atención sociosanitaria a domicilio e en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización xa atoparon un posto de traballo.
A clausura deste obradoiro dual de emprego, promovido polos concellos de Padrón, Rois e Dodro, celebrouse esta mañá no auditorio municipal. Estivo presidida por Anxo Arca e na mesma participaron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; os alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e Dodro, Xabier Castro; e a concelleira de Servizos Sociais de Padrón, Mariló Saco Vigo.
Anxo Arca destacou na súa intervención a importancia da colaboración entre diferentes administracións para poder organizar obradoiros como este que teñen por finalidade axudar a veciñanza dos tres concellos a atopar un posto de traballo. Unha idea que tamén foi refrendada polos outros dous alcaldes.
“Con accións como esta, dende o Concello estamos a mirar por aqueles veciños e veciñas que necesitan buscar unha saída laboral para poñer en marcha o seu proxecto de vida”, asegurou Anxo Arca, destacando que actualmente o mercado de traballo está demandando persoas formadas en albanelería e axuda no fogar.
Este programa mixto de formación e emprego, subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e cofinanciado polo Ministerio de Traballo e Economía Social, con preto de 423.000 euros, tivo como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas da comarca a través da formación en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e atención sociosanitaria a domicilio.
O programa tivo unha duración de 9 meses e contou coa participación de 20 alumnos e alumnas traballadores, dos cales once eran de Padrón. Durante este período, o alumnado combinou formación teórica con traballo práctico, vinculados ao obradoiro a través dun contrato de formación en alternancia, que lles permitiu recibir un salario correspondente ao salario mínimo interprofesional.
Este obradoiro reafirma o compromiso do Concellos de Padrón coa inclusión laboral e a formación profesional, sentando as bases para un futuro laboral máis esperanzador para as persoas en situación de desemprego.

Galego
Español 



