-
O servizo desenvolverase no CEIP Rosalía de Castro coincidindo co calendario escolar, entre o 8 de setembro e o 19 de xuño de 2026
-
Este programa de conciliación familiar e laboral oferta 30 prazas fixas e 15 ocasionais
O Concello de Padrón informa da apertura do prazo de inscrición no programa Concilia-Despertares para o curso 2025-2026. Trátase dun servizo municipal dirixido a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias durante o calendario escolar, ofrecendo atención ao alumnado no CEIP Rosalía de Castro antes do inicio das clases. O servizo desenvolverase entre o 8 de setembro de 2025 e o 19 de xuño de 2026.
As inscricións poderán realizarse do 15 ao 30 de xullo, ben a través do rexistro de entrada do Concello, ben mediante a sede electrónica. O número total de prazas ofertadas é de 30 fixas e 15 ocasionais.
O programa contempla dúas modalidades de servizo: o servizo básico de gardería e a opción que inclúe tamén o almorzo. No caso das prazas fixas, o prezo mensual será de 40 euros para o servizo de gardería e de 55 euros cando se inclúa o almorzo. Para as persoas usuarias ocasionais, o prezo por día será de 5 euros ou de 8 euros, segundo se opte pola gardería con ou sen almorzo.
A inscrición debe formalizarse no Centro de Servizos Sociais, situado na Praza da Igualdade. Tamén se poderá presentar a documentación a través da sede electrónica municipal. É importante lembrar que toda a documentación esixida deberá presentarse dentro do prazo de inscrición, xa que calquera documento entregado posteriormente non será tido en conta na baremación.
As persoas interesadas poden consultar todos os detalles, incluído o modelo de solicitude e a relación completa de documentos necesarios, no arquivo adxunto a esta nova, nesta ligazón. Para calquera dúbida ou aclaración, poden dirixirse ao Centro de Servizos Sociais ou contactar telefonicamente no 981 817 025.
Galego
Español 



