-
Anxo Arca e Luis Miguel Carmona percorreron o mercado acompañados pola deusa Thea e o grupo Turdión ||
-
Obradoiros para todas as idades e moitos postos de artesanía e alimentación ||
-
O concerto de Xoán Curiel ‘Treides conmigo’, con temas inspirados en Macías o Namorado, pecha os actos oficiais do irmandamento entre o concello galego e o xienense ||
-
A Feira Medieval continúa mañá coa entrega de premios ao comercio e moito ambiente durante todo o día. ||
Os alcaldes de Padrón, Anxo Arca, e Arjonilla, Luis Miguel Carmona, inauguraron esta mañá a XVIII Feira Medieval, que enche de cor as rúas do casco histórico padronés. O concerto de Xoán Curiel ‘Treides conmigo’ na igrexa de Santiago, interpretando temas inspirados nos poemas de Macías o Namorado, puxo o colofón aos actos de irmandamento entre os municipios galego e xienense.
Anxo Arca e Luis Miguel Carmona percorreron as rúas do casco histórico nas que está situado o mercado medieval con numerosos postos de artesanía, alimentación e obradoiros para todas as idades. O grupo Turdión e a deusa Thea co seu séquito abrían a comitiva oficial, formada polas concelleiras padronesas Chus Campos, Mariló Saco, Laura Horta e Ana Casto; polo concelleiro de Festexos e Deportes de Arjonilla, Antonio Hernández, e polo dinamizador cultural, Juan Cardeña.
A música de Turdión e as acrobacias do séquito da deusa Thea sorprenderon ao público, que aplaudiu as actuacións e non dubidou en facerse fotos con eles. Durante o percorrido, os dous alcaldes conversaron con algúns dos comerciantes que teñen postos no mercado. Luis Miguel Carmona levou como agasallo unha lamina co seu nome escrito en árabe.
Pola tarde, como colofón aos actos oficiais do irmandamento entre Padrón e Arjonilla, representantes das dúas corporación asistiron na igrexa de Santiago á actuación na que Xoán Curiel tocou temas do seu sétimo disco. Xoán Curiel aproveitou esta concerto, presidido polos alcaldes de Padrón e Arjonilla, para estrear un novo tema titulado ‘Con tan alto poderío’, unha das cantigas de amor de Macias o Namorado.
No concerto Treides conmigo!, Curiel mesturou música moderna e antiga, interpretando temas inspirados nos poemas de Macías o Namorado e doutros trobadores medievais.

Durante todo o día a música medieval encheu as rúas de Padrón, convivindo cos obradoiros de maxia infantil, de pintacaras e de xogos tradicionais. Os artesán fixeron tamén demostracións en vivo de elaboración de pezas de vidro, barro e coiro. Pola noite, a deusa Thea volveu percorrer o casco histórico acompañada dos seus personaxes de luz e a compañía Troula Animación non deixou indiferente a ninguén co seu espectáculo SubUmbra, no que seres misteriosos tomaron as rúas nun espectáculo con moito lume que rematou na praza de Macías.
A Feira Medieval de Padrón continuará mañá, domingo, con numerosas actividades. As animacións de rúa comezarán xa ás 11.00 horas coa visita do ‘Bosque Viviente’ ao mercado dominical. Pola tarde volverán a recorrer o mercado medieval, que pechará as súas portas á medianoite.

Galego
Español 




