-->

Padrón e Arjonilla oficializarán o seu irmandamento cun acto de sinatura que se celebrará o venres no Concello

  • Macías o Namorado é o nexo de unión entre as localidades coruñesa e xienense

  • O alcalde andaluz acompañará a Anxo Arca na inauguración da feira medieval

  • O encontro pecharase cun concerto de Xoán Curiel no que interpretará poemas do trobador medieval padronés

 

Os concellos de Padrón e Arjonilla (Jaén) oficializarán este venres o seu irmandamento nun acto de sinatura que protagonizarán os alcaldes de ámbalas localidades  e que se desenvolverá o vindeiro venres, 4 de xullo, na Casa Consistorial padronesa. A delegación xienense aproveitará a visita para coñecer a capital do Sar e participar na inauguración da feira medieval de Padrón, que se celebrará durante a fin de semana.

A figura literaria de Macías o Namorado é o nexo histórico e cultural que une os municipios de Padrón e de Arjonilla. Orixinario da vila padronesa, este trobador medieval  que viviu entre os séculos XIII e XIV é un referente da poesía de amor cortés e foi el mesmo motivo de inspiración para outros escritores por causa dos seus amores tráxicos, ao ser asasinado en Arjonilla polo marido da súa namorada, dona María de Monroy.

O irmandamento entre Padrón e Arjonilla, que tras varios contactos se concretou o pasado mes de xaneiro na última edición de Fitur,  permitiralles a ámbolos municipios reivindicar o seu legado histórico común e tender pontes de cooperación para desenvolver actividades conxuntas que fomenten o coñecemento mutuo e os vínculos sociais.

O alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, encabezará a delegación que visitará Padrón esta semana e da que tamén forman parte os concelleiros de Cultura e Turismo, Antonio Pérez; de Educación, María del Carmen Peña, e de Festexos e Deportes, Antonio Hernández; así como o técnico de dinamización cultural do concello xienense, Juan Cardeña.

Anxo Arca, xunto ao resto da corporación padronesa, recibirá á comitiva xienense na Casa Consistorial, onde terá lugar o venres ao mediodía o acto institucional de sinatura do irmandamento. A visita completarase cun amplo programa de actividades culturais coas que a delegación de Arjonilla terá a oportunidade de empaparse da rica tradición literaria de Padrón. O mesmo venres, realizará ás 12.30 horas unha ofrenda ante a estatua que Macías O Namorado ten no Xardín Botánico-Artístico, coñecerá a Fundación Cela e a Casa de Rosalía e achegarase á  biblioteca municipal para participar nun intercambio de libros entre ámbolos municipios.

Xa o sábado, o alcalde de Arjonilla acompañará o rexedor padronés na inauguración da Feira Medieval de Padrón. Pola tarde, ás seis, un concerto de Xoán Curiel na igrexa de Santiago poñeralle a guinda ao encontro coa musicalización de poemas de Macías o Namorado.

 

 

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…