-->

O Concello aposta por un lecer xuvenil tecnolóxico e con conciencia social na Padrón Game Party

  • O pavillón do Souto acolle esta fin de semana máis de vinte actividades que combinan torneos, conferencias, música, espazos creativos e zonas de xogo libre 

  • A visibilización da muller no sector ‘gaming’, a inclusión neurodiverxente e o papel do voluntariado xuvenil centran esta edición

  • O acto inaugural será o sábado ás 13:15 horas coa presenza do alcalde Anxo Arca, da concelleira de Dixitalización e Novas Tecnoloxías, Laura Horta, e da subdelegada do Goberno na Coruña María Rivas López

 

Pagina 1

 

O Concello de Padrón celebra o sábado 10 e o domingo 11 de maio a Padrón Game Party, un evento centrado no lecer dixital e na cultura xuvenil cunha marcada perspectiva social, igualitaria e inclusiva. A cita desenvolverase no pavillón do Souto, con acceso libre e gratuíto.

Ao longo da fin de semana as persoas asistentes poderán participar en torneos de League of Legends, Tekken 8, Street Fighter 6, Smash Bros, Mario Kart 8 ou Fortnite, así como en zonas de freeplay con consolas de última xeración, simuladores de condución e xogos de realidade virtual como Beat Saber VR. Tamén estarán dispoñibles áreas de xogos de mesa e espazos para a creatividade, con obradoiros de cómic e de deseño de cartas Pokémon 3D, ademais de actividades orientadas ao TDAH, a igualdade e o voluntariado xuvenil.

O acto inaugural terá lugar o sábado ás 13:15 horas e contará coa presenza do alcalde de Padrón, Anxo Arca; da concelleira de Dixitalización e Novas Tecnoloxías, Laura Horta; e da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López.

A programación do sábado incluirá, ás 12:15 horas, unha conferencia-demostración a cargo da profesional da caracterización Antifta, especializada na elaboración de perrucas e postizos para cine, teatro e cosplay, cunha traxectoria que se remonta a 2016. Xa pola tarde, na zona de obradoiros, ás 15:30 horas, a artista Belén Diz -recoñecida pola súa ilustración hiperrealista realizada con bolígrafos Bic- ofrecerá unha sesión práctica sobre técnicas de trazo, fluidez e presión aplicadas a este tipo de obra.

Pola súa banda, ás 17:30 horas, a Asociación TDAH Salnés abordará nun relatorio titulado Xogando con atención: TDAH, videoxogos e igualdade sobre o papel do lecer dixital na inclusión de persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade.

A música tamén será protagonista na primeira xornada coa actuación de Freak GZM ás 16:30 horas. O grupo interpretará versións en directo de bandas sonoras de películas, series, animes e videoxogos, creando unha experiencia sonora inmersiva.

Outro dos momentos destacados do día será o Concurso de Cosplay, onde un xurado profesional avaliará a posta en escena, a caracterización e a confección das persoas participantes. O xurado estará composto, entre outras profesionais, por Ayumi, patronista titulada, cosplayer e fundadora da marca Nebula Needle, e pola propia Ntifta.

O domingo continúa a aposta pola creatividade e a música

O domingo 11, a programación continuará cunha aposta pola creatividade gráfica e a ilustración. Ás 12:30 horas comezará a conferencia de confección con Sayumi, patronista titulada, creadora da marca Nebula Needle e recoñecida cosplayer galega, quen compartirá o seu proceso creativo na confección e personalización de vestiario para cosplay.

Ás 15:30 horas será a quenda das ilustradoras Marta e Meri, autoras do webcomic El Bertedero, cun obradoiro práctico de creación de tiras cómicas en catro paneis, dirixido a mozos e mozas maiores de 12 anos. Tamén pola tarde, ás 18:00 horas, Gaming Troop, entidade organizadora do evento, dirixirá o taller Crea a túa carta Pokémon 3D.

A música volverá ser protagonista o domingo pola tarde co concerto de Yell0, compositor, produtor coñecido polos seus remixes de temas de videoxogos e a súa música orixinal con influencias do jazz, funk e electrónica. A actuación está prevista para as 16:30 horas no escenario principal.

Referente para a mocidade

Desde o Concello de Padrón búscase consolidar a Padrón Game Party como un referente en Galicia para a mocidade, combinando entretemento, tecnoloxía e compromiso social nun evento pensado para divertirse, aprender e participar.

A concelleira Laura Horta salienta que “o evento deste fin de semana é un proxecto lanzado de xeito moi directo á xuventude do noso concello e da contorna, que pretende ademais sensibilizar sobre a figura feminina no xogo, a boa visibilidade do mesmo en persoas con trastornos neurodiverxentes e que, con seguridade, é un elemento de xogo como calquera outro”. Tamén pon en valor o papel fundamental do voluntariado: “Non podemos esquecer que tanto este evento como moitos outros que se celebran no concello non serían viables sen a axuda estimable de moitos voluntarios que nos axudan”. Por este motivo, celebraranse durante a xornada os World Café, espazos de diálogo nos que o voluntariado xuvenil de Padrón intercambiará experiencias e ideas con outros colectivos da contorna.

A actividade está subvencionada polo Instituto de la Juventud (INJUVE) e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) no marco da convocatoria de axudas a entidades locais 2024-2025.

20250510 Padron Game Party Página 2

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…