-
A deportista destacou no seu discurso a honra de representar ao seu pobo e puxo en valor o papel das mulleres locais como referentes para as novas xeracións
-
O Concello reafirmou o seu compromiso coa igualdade e o talento feminino nun acto conducido pola creadora de contido Sara Seco
-
A praza de Macías acolleu o pregón e o comezo oficial dunhas festas que continuarán ata o 27 de abril co domingo de Pascuilla
-
Nesta intensa xornada tamén se celebrou a XLIV Carreira de Pascua, a 52ª Feira de Maquinaria e os concertos das orquestras La Fórmula e Unión y Fuerza
O Concello de Padrón celebrou este sábado 19 de abril o acto inaugural das tradicionais Festas de Pascua, dando comezo de forma oficial a unha programación que se prolongará ata o 27 de abril cun amplo abano de propostas culturais, deportivas e musicais para todos os públicos.
A xornada comezou cun acto simbólico e cheo de significado institucional: a triatleta padronesa Martina López Gestal asinou no Libro de Honra do Concello, un xesto co que se recoñece a súa traxectoria deportiva e o seu vínculo coa vila que a viu medrar.
A continuación, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, dirixiuse ao público reunido na praza de Macías para dar a benvida oficial ás festas. Na súa intervención, quixo poñer en valor o esforzo colectivo que fai posible unha celebración destas dimensións e agradeceu expresamente ao persoal do Concello, ao voluntariado de Protección Civil, ás forzas e corpos de seguridade e a toda a veciñanza a súa entrega, compromiso e dedicación, fundamentais para que as Festas da Pascua sexan un éxito ano tras ano.
Ás 21:00 horas chegou un dos momentos máis emotivos da xornada: o pregón a cargo de Martina López Gestal, quen, visiblemente emocionada, destacou no seu discurso o orgullo de formar parte desta celebración: “Como padronesa é evidente a honra tan grande que supón ser a pregoeira das Festas da Pascua de Padrón. Non atopo palabras de agradecemento suficientes cara ao meu Concello e síntome moi orgullosa de pertencer a un pobo que non só pon en valor o papel da muller local, senón que tamén se esforza por visibilizala, creando referentes para as xeracións presentes e futuras de mulleres da nosa contorna”.
A deportista, pioneira no mundo do triatlón en Galicia e campioa de España de media distancia na súa categoría en 2021, foi presentada pola creadora de contido Sara Seco Rial, natural de Valga e galardoada no certame Youtubeiras + polo seu traballo en TikTok. Co seu estilo fresco e comunicativo, a presentadora achegou ao público un acto cargado de simbolismo, co que o Concello de Padrón reafirma o seu compromiso coa igualdade, co talento local e da comarca e co recoñecemento ao papel das mulleres na sociedade. No acto participaron todos os integrantes do goberno municipal xunto a outros membros da corporación local e representantes do Concello veciño de Rois.
Ao longo do día, a vila xa vibrara co inicio da XLIV Carreira de Pascua, que reuniu a más de 600 participantes de todas as idades e que tivo como vencedores a Tina Fernández, da SD Compostela Atletismo, e a Nico Domínguez, do Club Atletismo Sar, e coa inauguración da 52ª Feira Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial, consolidada como un dos grandes referentes do sector en Galicia.
A xornada completouse cunha intensa programación musical, con actuacións das orquestras La Fórmula e Unión y Fuerza, que encheron de festa e animación os espazos do Fondo de Vila e o paseo do Espolón até ben entrada a madrugada.
Un domingo de Pascua cheo de propostas
A programación continuará o Domingo de Pascua cos tradicionais pasarrúas da Banda de Música Municipal e do grupo folclórico San Pedro de Carcacía, acompañado dos xigantes e cabezudos, a Feira Cabalar cos concursos morfolóxicos e o espectáculo de doma de alta escola.
A música virá da man da Banda Municipal na praza de Macías ás 13:30 horas e coas actuacións das orquestras Magos, na travesía do Campo da Feira ás 19:30 horas, da París de Noia, ás 22:00 horas en Fondo de Vila, e co espectáculo Renovation Experience by Ricky Galende no paseo do Espolón á unha
Toda a programación está dispoñible nas web do Concello de Padrón www.padron.gal e nas redes sociais oficiais do Concello.