-->

Alberte de Esteban subliña que o Día da Memoria Democrática Padronesa permite “recuperar a nosa historia, esa que sempre foi negada e sepultada”

  • O auditorio municipal acolleu a segunda edición deste acto que reafirma o compromiso institucional co recoñecemento das vítimas e coa retirada da simboloxía franquista

  • “Esta vila seguirá camiñando cara á verdade, xa sen medo, co apoio do Concello e do Estado”, destacou o alcalde Anxo Arca

 

O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este luns 14 de abril o acto central da segunda edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, unha cita institucional impulsada polo Concello para honrar a todas aquelas persoas represaliadas polo franquismo e promover os valores da xustiza, da liberdade e da memoria.

O acto, no que se rendeu homenaxe a Alberte de Esteban, estivo presidido polo alcalde Anxo Arca acompañado polas concelleiras Mariló Saco, Laura Horta e Ana Castro. Tamén participaron os alcaldes de Dodro, Xabier Castro, e de Rianxo, Julián Bustelo, o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira, e as persoas homenaxeadas na pasada edición, Xosé García Lapido e Xosé Luis Amigo. 

A Banda Municipal de Padrón e o dúo de acordeóns Ad Libitum -que interpretou pezas emblemáticas como ¡Ay, Carmela! ou o Himno de Riego- amenizaron a cita acompañados da lectura de textos a cargo das integrantes da asociación feminista Moradaura.

20250414 Padron Dia Memoria Democratica Alberte de Esteban Gracia 23

Durante o acto, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, lembrou que esta conmemoración chega “tendo dado un paso moi importante que fai que o noso pobo continúe avanzando en materia de Memoria”. “O pasado 27 de marzo, o pleno da Corporación aprobou por unanimidade a retirada de todas as honras ao ditador: o recoñecemento de fillo adoptivo, o título de alcalde honorario e a medalla de ouro deste Concello. Houbo que esperar 50 anos dende a súa morte, pero Padrón, en pleno ano Castelao, rachou os seus vínculos co réxime pensando naquelas persoas que tiveron que padecelo con sufrimento”, recordou.

Anxo Arca insistiu en que “pensando naquelas persoas que loitaron pola liberdade, esta vila seguirá camiñando cara á verdade, afondando no coñecemento do noso pasado sen vergonza, xa sen medo, co apoio e a implicación institucional do Concello e do Estado”. Ademais, reafirmou o seu compromiso de retirar a simboloxía fascista e fomentar “unha cultura de paz e entendemento dende o coñecemento da realidade”. “Porque cremos na democracia. Porque queremos agradecervos con feitos a todas as persoas que corréchedes riscos e padecéchedes a represión que hoxe nós, poidamos sentir, ser e vivir en liberdade”, concluíu o rexedor.

Parabéns ao Concello por parte do homenaxeado

Este ano, o Concello rendeu homenaxe a Alberte de Esteban Gracia, recoñecido referente do movemento anarcosindicalista, da educación pública e da defensa da lingua galega. No seu discurso, comezou agradecendo o recoñecemento, que dixo “non merecer”, e felicitou ao Concello e ao alcalde pola organización dun Día da Memoria “e pola recente decisión de retirar a simboloxía franquista no municipio”.

20250414 Padron Dia Memoria Democratica Alberte de Esteban Gracia 14

Alberte de Esteban definiuse como “anarquista e afiliado á CNT, ademais de estar implicado en cuestións de loita social dende moi novo”. Lembrou a súa traxectoria como mariño mercante, actor de teatro e, sobre todo, como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Macías o Namorado, centro ao que contribuíu a dar nome. “Procedo dunha familia de anarcosindicalistas moi activa durante a Guerra Civil en Madrid en 1936. Pero esa historia foi soterrada durante moitísimos anos e mesmo na miña casa nunca se falou por ese terror que nos meteron durante toda a posguerra de Franco”, afirmou.

“Por iso é tan necesaria esta cuestión da Memoria Histórica, para poder recuperar a nosa historia, esa que sempre foi negada e sepultada”, engadiu. O homenaxeado fixo tamén un repaso pola súa etapa de 23 anos como docente en Padrón, destacando iniciativas como o obradoiro Fume de Carozo que fomentaba a plantación de árbores ou o uso da bicicleta, sempre coa vontade de “crear espíritos libres, comprometidos e con criterio propio, independentemente do que pensasen”.

20250414 Padron Dia Memoria Democratica Alberte de Esteban Gracia 26

O Concello de Padrón agradece a participación e implicación da veciñanza e reafirma o seu compromiso coa recuperación da memoria, a dignificación das vítimas e a construción dunha sociedade xusta, libre e democrática.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…