O alcalde de Padrón, Anxo Arca, tivo hoxe palabras de agradecemento para as traballadoras e traballadores municipais que durante estes días estiveron traballando arreo para minimizar os efectos do temporal, para garantir a seguridade e atender ás emerxencias que se produciron.
Anxo Arca fixo extensivo este recoñecemento ao cadro de persoal das emprsaas privadas que se encargan do mantemento de diferentes servizos municipais.
Nunha reunión celebrada este 29 de xaneiro no salón de Plenos, Anxo Arca conversou cunha representación do cadro de traballadores municipais. En nome de toda a veciñanza trasladoulles o agradecemento e recoñecemento pola súa implicación durante estes día de fortes choivas.
O alcalde recoñeceu que traballaron en condicións moi adversas para minimzar o impacto dos temporais e para que se puidese recuperar a normalidade o antes posible.
Na xuntanza estiveron presentes traballadores e traballadoras dos departamentos de vías e obras, limpeza viaria, parques e xardíns, Policía Local e GES.