-->

Padrón reforza a súa presenza en FITUR 2025 como destino turístico de referencia en Galicia

  • O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, encabezarán a delegación padronesa na Feira que se celebra en Madrid a partir deste mércores

  • O goberno local presentará novas iniciativas para consolidar o municipio como un dos principais destinos turísticos de Galicia

Fitur 2024

O Concello de Padrón terá unha destacada participación en FITUR 2025, a Feira Internacional de Turismo que se celebrará do mércores 22 ao domingo 26 de xaneiro en IFEMA Madrid. A delegación estará encabezada polo alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo, Chus Campos, quen presentarán novas iniciativas para consolidar o municipio como un dos principais destinos turísticos de Galicia.

Entre os obxectivos da presenza padronesa destacan afianzar os bos resultados acadados o pasado ano e seguir posicionando o concello como referente en tradición, gastronomía e cultura, fomentando ao mesmo tempo un turismo sostible e de calidade.

Padrón estará representado na entrada do pavillón, onde está instalado o stand de Galicia, cun tótem a catro caras que destacará os elementos máis significativos do municipio. Ademais, terá visibilidade no stand de Q de Calidade e S de Sostibilidade, certificacións obtidas pola Oficina de Información Turística en 2024 e que serán recollidas na gala organizada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

Un dos momentos destacados da feira será a presentación oficial de Padrón como Pobo Máxico, unha distinción obtida o pasado ano que converte ao municipio na primeira localidade da provincia da Coruña e a única de Galicia en lograr este recoñecemento nesta edición. Esta presentación terá lugar o xoves pola mañá e servirá para destacar o carácter singular e o patrimonio cultural da vila.

Padrón tamén será protagonista durante a presentación das XI Xornadas da Lamprea, que se celebrarán os dous últimos fins de semana de marzo. Estas xornadas gastronómicas incluirán numerosas actividades e contarán cunha ampla promoción en FITUR, incluíndo unha reportaxe na revista especializada La Alacena Roja, que se distribuirá durante os días da feira.

Os milleiros de visitantes previstos para FITUR poderán obter información sobre Padrón no mostrador dedicado ao Camiño de Santiago, reforzando o seu papel como punto clave desta ruta xacobea. Ademais, a delegación padronesa asistirá ás presentacións da Traslatio, a Vía Mariana e a nova campaña de Turismo da Deputación da Coruña.

Dentro das actividades programadas, o Concello tamén ten previstas reunións con especialistas do sector e medios especializados, co obxectivo de explorar novas oportunidades e manterse actualizado sobre as tendencias do turismo.

Con máis de 1.100 metros cadrados de espazo, 25 metros de pantallas LED e unha programación diversa, a participación de Padrón en FITUR 2025 subliña o compromiso do goberno local co desenvolvemento dun turismo sostible, de calidade e respectuoso co seu rico patrimonio natural e cultural. Esta estratexia compleméntase cos fitos acadados en 2024, entre os que destaca a culminación do plan de embelecemento da área recreativa da desembocadura dos ríos Sar e Ulla, financiado con fondos NextGenerationEU. Ademais, o Concello segue a traballar en proxectos clave como a nova Oficina de Turismo na Praza de Abastos, a renovación do casco antigo e a construción de novos hoteis que reforzarán a capacidade de acollida do municipio.

20241205 Padron Remata obras embelecemento area recreativa Desembocadura 7

Balance estatístico do Turismo en Padrón

A presenza de Padrón en Fitur coincide coa presentación do últimos datos turísticos de Padrón, unhas cifras que confirman o seu papel protagonista no panorama galego, con máis de 44.000 visitantes atendidos pola Oficina de Turismo ao longo do 2024. Este aumento sitúa o municipio nunha senda de crecemento sostido, impulsado polo Camiño de Santiago e unha oferta cultural, gastronómica e natural cada vez máis diversa.

O turismo internacional foi unha das grandes apostas deste ano, alcanzando o 29% do total de visitantes, cun incremento do 3% respecto ao 2023. Visitantes de países como Portugal, Estados Unidos e Italia lideran unha lista que reflicte a crecente proxección global de Padrón.

A tradición xacobea segue a ser o gran atractivo turístico do municipio. O 45% das visitas rexistradas foron de peregrinos, aos que se lles expediron 16.068 diplomas da Pedronía e 312 diplomas da Traslatio, que certifican a súa conexión co Camiño de Santiago. Estes datos confirman o impacto das iniciativas locais que destacan a relevancia histórica e espiritual de Padrón como "berce do Camiño".

Os meses de verán volveron concentrar o maior volume de visitantes, con agosto como o mes estrela, acumulando case o 20% das visitas anuais. Pola contra, aínda que o inverno segue sendo unha época de baixa afluencia, rexistrouse unha mellora respecto a anos anteriores, o que evidencia o potencial de atracción en tempada baixa.

En 2024, máis de 2.200 persoas participaron en visitas guiadas ao casco histórico, ao Xardín Botánico Artístico e en actividades teatralizadas. Ademais, a igrexa parroquial de Santiago, onde se garda o emblemático Pedrón, recibiu preto de 80.000 persoas, consolidándose como un dos principais puntos de interese turístico.

O impacto dixital tamén foi relevante. O perfil de Facebook de Turismo de Padrón continúa liderando a comunicación en redes sociais, con máis de 9.200 seguidores, mentres que Instagram superou os 3.100, consolidándose como unha plataforma clave para a promoción do destino. Complementariamente, entregáronse máis de 15.000 planos turísticos a establecementos locais, reforzando a atención directa aos visitantes.

De cara ao futuro, Padrón enfoca os seus esforzos en aumentar as pernoctas, mellorar os servizos para autocaravanas e diversificar a oferta turística con propostas que integren o turismo familiar e de natureza. Estes obxectivos buscan non só atraer máis visitantes, senón tamén consolidar un turismo sostible que dinamice a economía local e preserve a identidade cultural da vila.

Os datos de 2024 evidencian que Padrón non só é unha parada imprescindible no Camiño, senón tamén un destino que conxuga historia, natureza e innovación turística para ofrecer experiencias únicas a visitantes de todo o mundo.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

 

Plan Único POS+ Deputación da Coruña

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…