-
O alcalde Anxo Arca participou na ofrenda floral en Adina e na reunión do Padroado na sede da Fundación
-
Os actos contaron coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entre outras autoridades
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, participou esta mañá na ofrenda floral e homenaxe a Camilo José Cela, con motivo do 23º aniversario do seu pasamento. O acto tivo lugar no cemiterio de Adina (Iria Flavia), un dos lugares máis significativos da súa vida e obra.
No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o rector da Universidade Camilo José Cela, Jaime Olmedo; a directora xeral da Fundación Camilo José Cela, Covadonga Rodríguez; e a secretaria xeral técnica da Consellería de Cultura, Elvira Casal. O evento contou ademais coa presenza das concelleiras de Padrón, Chus Campos, Mariló Saco e Ana Castro.
A homenaxe a Camilo José Cela reafirma o compromiso do Concello de Padrón co legado cultural do escritor, especialmente no que se refire á súa relación con Iria Flavia, o municipio que o viu nacer. Dende o goberno local trabállase por manter viva a memoria do autor e por preservar e divulgar a súa obra.
Tras o acto de homenaxe, Anxo Arca participou tamén na reunión do Padroado da Fundación Camilo José Cela, da que é membro, para seguir apostando por proxectos que promovan a divulgación do patrimonio cultural asociado ao autor.
O Concello de Padrón subliña a importancia de fomentar a cultura e o patrimonio como motores de desenvolvemento e identidade local, así como a colaboración institucional para garantir que o legado de Camilo José Cela siga vivo para as futuras xeracións.