-
Os Reis Magos percorren as rúas da vila nunha visita que incluíu a tradicional parada no belén vivinte da igrexa de Santiago
-
Xa no polideportivo do Souto recibiron as últimas cartas dos nenos e nenas
-
A animación, a música e as actividades preparadas completaron a festa para toda a familia
O Concello de Padrón viviu este domingo, 5 de xaneiro, unha das citas máis especiais do ano coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis. As Súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar percorreron varias rúas da vila nunha comitiva que conseguiu que nenos e nenas, xunto coas súas familias, desfrutasen dunha tarde chea de emoción e alegría mentres a choiva concedía algunha tregua nesta xornada tan especial.
A cabalgata comezou na avenida de Compostela e percorreu puntos emblemáticos como As Lágrimas e o paseo do Espolón, deixando ao seu paso un rastro de expectación, música e aplausos. Durante o seu traxecto, os Reis Magos saudaron á veciñanza e compartiron doces e alegría coa xente que lles deu a benvida.
Un dos momentos máis destacados tivo lugar na igrexa de Santiago, onde Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron o tradicional Belén vivinte e participaron na solemne ofrenda ao neno Xesús, un acto que reforza o carácter simbólico desta festividade e o espírito de solidariedade e comunidade destas datas.
Posteriormente, as Súas Maxestades foron recibidas oficialmente polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, e pola Corporación Municipal no Concello. Na súa intervención, o rexedor agradeceu a visita dos Reis e expresou o seu desexo de que estean “cheos de agasallos e momentos inesquecibles para todas as familias padronesas”.
A festa continuou no polideportivo do Souto, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron as cartas e peticións da cativada, nun ambiente de proximidade e ilusión que fixo as delicias de pequenos e maiores. Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de vivir de preto a maxia deste Nadal e compartir momentos únicos coas Súas Maxestades.
Con esta Cabalgata de Reis, o Concello de Padrón despide unhas festas do Nadal nas mesturou tradición e cultura e das que, grazas tamén á creación de espazos de encontro familiar, gozaron veciñanza e visitantes.