-->

Padrón estreará o 16 de decembro un servizo de Estimulación terapéutica para persoas con demencia

O convenio entre Concello e a Agadea Alzhéimer foi presentado hoxe polo alcalde, Anxo Arca, e a presidenta da Asociación, Isabel Gey  ||  

Profesionais de Agadea prestarán o servizo na casa dos capeláns tres días por semana para atender a un máximo de 22 usuarios, e poderíase ampliar a toda a semana  ||  

Mariló Saco: “O obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas afectadas e enlentecer o avance da enfermidade”  ||  

Durante este mes, a neuropsicóloga da asociación está valorando ás persoas interesadas  ||  

 

 20241205 Padron Agadea presentan servizo Estimulacion Terapeutica 1

 

Padrón contará a partir do vindeiro 16 de decembro cun novo servizo de estimulación terapéutica para persoas con Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas. O alcalde, Anxo Arca; a concelleira de Servizos, Mariló Saco; a presidenta de Agadea Alzhéimer, Isabel Gey, e a coordinadora da área de Santiago da asociación, Lucía Fandiño, presentaron hoxe o servizo, que se prestará na Casa dos Capeláns, en Iria Flavia, durante tres días por semana. O servizo comezará atendendo a entre 8 e 10 persoas, e podería ampliarse a toda a semana

O servizo de estimulación terapéutica ten como obxectivo mellorar a calidade de vida dos maiores, así como fomentar as relacións interpersoais, ao mesmo tempo que contribúe ao respiro familiar. Contará con profesionais de fisioterapia, psicoloxía, educación social, traballo social e persoal xerocultor da Asociación Galega de Axuda á Enfermos con Demencia tipo Alzhéimer (Agadea Alzhéimer).

Anxo Arca destacou na súa intervención a “sensibilización” que existe no equipo de goberno pola problemática social e “na defensa dos servizos sociais, que teñen que prestar unha atención integral”. O alcalde destacou que “o servizo de estimulación terapéutica que se pon en marcha por primeira vez en Padrón axudará a moitas familias”.

Nun senso similar expresouse a concelleira Mariló Saco, asegurando  que a estimulación terapéutica “vai mellorar a calidade de vida de moitas persoas que empezan con procesos de demencia, e vai ser beneficioso, tamén, para as súas familias”.

O servizo comezará con tres sesións semanais, en función da demanda existente actualmente, para atender a entre 8 e 10 persoas, que se pode ampliar ata un máximo de 22 persoas tres días por semana. “Estamos seguros de que esta atención especializada de profesionais de Agadea Alzhéimer axudará a retrasar e enlentecer o avance da demencia”. O servizo de estimulación terapéutica “nace con vocación de continuidade”, dixo Mariló Saco, engadindo que “dentro das posibilidades do Concello, e se fose necesario, intentaremos amplialo para que haxa sesións todos os días da semana e poder atender as persoas que o precisen”.

Isabel Gey, pola súa banda, resaltou que “Agadea pon en marcha este servizo con intención de permanecer no tempo. Vimos para quedarnos”, dixo, e lembrou que “en todos os concellos que comezamos a traballar, seguímolo facendo”. A presidenta de Agadea agradeceu a colaboración co “Concello de Padrón, do departamento de servizos sociais e do centro de saúde”, e adiantou que se vai poñer en marcha unha campaña informativa e de sensibilización tanto en redes sociais como no propio comercio local.

Valoracións de preingreso

Dende Agadea Alzhéimer, xa empezaron a traballar e a facer valoracións de preingreso ás persoas interesadas en recibir este servizo. A neuropsicóloga e a traballadora social da entidade, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello, xa están a valorar a algunhas persoas, traballo que continuará durante a vindeira semana, e incluso unha vez que se poña en marcha o servizo.

Profesionais de Agadea Alzhéimer mantiveron esta semana unha reunión con profesionais do centro e saúde de Padrón para informarlles da posta en marcha do servizo de estimulación terapéutica e, deste xeito, poder traballar de forma coordinada para mellorar a calidade de vida das persoas con demencia de Padrón.

 

PadronCaminoEDestino

Contacto

Pode contactar co Concello de Padrón a través dos seguintes medios:

  • Enderezo: Rúa Longa, 27 - 15900 Padrón
  • Teléfono: (+34) 981 810 451
  • Correo electrónico: correo@padron.gal

Outros sitios web de interese

 
 
App Padrn removebg preview
 
Descarga a App de Turismo de Padrón.
Top

Aviso legal - Política de privacidade - Política de cookies - Máis información sobre as cookies

Ligazón temporal á antiga páxina web

Este sitio web utiliza cookies para que vostede poida ter a mellor experiencia de usuario/a. Se segue a navegar está a dar o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e da nosa Política de Cookies. Detalles…