O alcalde, Anxo Arca, informou ao pleno que esta achega do Fondo de Cooperación Local representa o 50% do orzamento ||
O Concello aportará o resto dos fondos para a reforma integral dun servizo esencial para a cidadanía ||
O alcalde de Padrón informou onte ao Pleno da Corporación que o Concello conseguiu unha subvención que cubrirá a metade do orzamento para a rehabilitación integral da escola infantil municipal, un servizo que o goberno local considera esencial para a cidadanía. O Concello aportará o resto dos fondos necesarios para executar este proxecto.
Anxo Arca asegurou que esta subvención “evidencia tanto a capacidade deste goberno para captar fondos externos que alivien o gasto das arcas municipais como a calidade deste proxecto tan necesario para Padrón, despois de doce anos de falta de mantemento acumulado”.
O alcalde resaltou o traballo conxunto da concelleira de Educación e Ensino, Mariló Saco, e da xefa de gabinete da alcaldía, que se materializou “nesta importante achega”. A subvención concedida ao Concello procede do Fondo de Cooperación Local destinado á realización de investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico, xestionado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O Concello de Padrón xa mobilizara os fondos necesarios para a rehabilitación integral da escola infantil municipal, un proxecto que representa un investimento de 792.917 euros. Agora, coa xestións realizadas para conseguir esta subvención que lle foi notificada ao concello o pasado 25 de novembro, as arcas municipais tan só deberán aportar 396.458,83 euros.
Anxo Arca lembra que “aumentar o mantemento e dispoñer de instalacións municipais modernas e de calidade é unha prioridade para o goberno padronés”.