-
O Clube Xadrez Padrón organiza a segunda edición desta competición que reparte máis de 500 euros en premios
-
O obxectivo é consolidarse como un evento destacado no panorama deportivo galego
O Concello de Padrón colabora co Clube Xadrez Padrón na organización da segunda edición do Torneo de Xadrez Rosalía de Castro, que terá lugar o sábado 21 de decembro no polideportivo municipal. O evento está aberto a participantes de todas as idades, desde a categoría sub-8 ata veteráns maiores de 55 anos, demostrando o carácter interxeracional deste deporte.
Nesta edición, o torneo repartirá máis de 500 euros en premios, incluíndo un premio de 120 euros para o gañador absoluto. Ademais, entregaranse trofeos aos primeiros clasificados nas categorías feminina, local, veteráns, sub-14, sub-12, sub-10 e sub-8.
O obxectivo do torneo é fortalecer o papel de Padrón como un lugar de referencia para o xadrez en Galicia. Nos últimos anos, a vila acolleu campionatos galegos de distintas categorías, tanto por idades (sub-8 a sub-18) como os absolutos individuais e torneos galegos por equipos, en modalidades de partidas rápidas e Blitz.
O evento disputarase a sete roldas (ou oito se se superan os 90 participantes), con partidas rápidas de 10 minutos máis 3 segundos por xogada. A competición desenvolverase entre as 15:40 e as 20:20 horas e será válida para a puntuación ELO de partidas rápidas, un sistema recoñecido pola Federación Internacional de Xadrez que mide o nivel de xogadores federados de todo o mundo.
As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou mediante WhatsApp no número 679 167 890. O prazo de inscrición remata o 18 de decembro, e o número máximo de participantes será de 150. A menos dun mes para o torneo, xa hai máis de 20 xogadores inscritos.
Toda a información detallada pode consultarse na páxina oficial do torneo premendo neste enlace.