-
Dende hoxe luns 18 de novembro os monumentos máis emblemáticos do municipio permanecerán iluminados de cor lila
-
O venres 29 terá lugar a xornada central cun acto de homenaxe na praza da Igualdade, a representación da obra teatral ‘Mariposas en el aire’, a lectura do manifesto institucional e a entrega dos premios do IV Certame de Debuxos
-
O xoves 12 de decembro o auditorio acolle a charla-coloquio titulada ‘Adolescencia e violencia sexual na contorna dixital: dos videoxogos á pornografía’
O Concello de Padrón presenta unha programación especial para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reafirmando o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia machista. As actividades, teñen como obxectivo concienciar a cidadanía, homenaxear as vítimas e fomentar unha reflexión colectiva sobre esta problemática social.
As iniciativas comezan hoxe, luns 18 de novembro, coa iluminación en cor lila dos monumentos máis emblemáticos do municipio, un xesto simbólico que subliña a solidariedade e o compromiso de Padrón coa igualdade.
O venres 29 de novembro terá lugar a xornada central da programación. Ás 18:00 horas, a praza da Igualdade acollerá un acto de homenaxe ás vítimas da violencia machista. Posteriormente, ás 19:00 horas, no auditorio municipal, representarase a obra teatral Mariposas en el aire, a cargo da compañía Maramado. Ao rematar, a concelleira de Muller e Igualdade, Mariló Saco Vigo, dará lectura ao manifesto institucional, e entregaranse os premios aos gañadores do IV Certame de Debuxos, unha iniciativa que visibiliza o traballo creativo do alumnado dos centros educativos locais. Estes debuxos permanecerán expostos ata o 30 de novembro nos escaparates de diversos comercios, bares e establecementos de restauración da vila.
A programación completarase o xoves 12 de decembro, ás 19:00 horas, cunha charla-coloquio no auditorio municipal titulada Adolescencia e violencia sexual na contorna dixital: dos videoxogos á pornografía Esta actividade busca profundar no impacto da violencia no ámbito dixital, especialmente entre a mocidade.
Desde o Concello de Padrón anímase á veciñanza a participar activamente nestas iniciativas.