A Deputación da Coruña segue avanzando na súa estratexia de dixitalización dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Neste marco, a concelleira de Dixitalización, modernización da administración local e novas tecnoloxías de Padrón, Laura Horta, asinou o convenio de colaboración en representación do Concello, acompañada da concelleira Mariló Saco. O acordo, asinado no Pazo de Mariñán, busca facilitar a implantación da administración electrónica e mellorar a eficiencia e eficacia dos servizos públicos locais.
Este convenio, cunha duración inicial de catro anos prorrogables por outros catro, ten como obxectivo reducir os tempos de resposta administrativa e simplificar a tramitación de expedientes, tanto para a cidadanía como para as empresas. Grazas a este proxecto, cada concello contará cunha sede electrónica propia interconectada coa plataforma integral de servizos da Deputación, ofrecendo solucións avanzadas de administración electrónica e apoio técnico para o persoal municipal e os usuarios.
O proxecto enmárcase dentro do programa Concello Dixital, unha iniciativa que, segundo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, leva máis de cinco anos traballando na modernización e dixitalización das entidades locais, cun investimento superior aos 16 millóns de euros. Grazas a este esforzo, máis de 500.000 veciños e veciñas da provincia xa se beneficiaron dunha redución media do 25% nos tempos de primeira resposta administrativa e do 40% na resolución de expedientes.
A Deputación estima que a adopción destas tecnoloxías nos concellos da provincia supuxo un aforro global de preto de 20 millóns de euros nas arcas públicas no que vai de 2024. Ademais, para garantir a seguridade e accesibilidade nos servizos dixitais, a Deputación puxo en marcha un Plan de Ciberseguridade, así como as novas Oficinas do Dato, de Accesibilidade e Servizos Dixitais, e o proxecto Acelera Pyme, orientado a superar a fenda dixital no ámbito rural.