-
O presidente da Banda, José Cerqueiras, o director, Santi Mella, e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, deron a coñecer os detalles da programación
-
A tempada inclúe cinco concertos temáticos con homenaxes, celebracións tradicionais e un tributo á memoria democrática
A Banda de Música Municipal de Padrón presentou hoxe a súa programación para a tempada 2024-2025, que leva por título Celebrar. No acto de presentación, celebrado na casa consistorial de Padrón, participaron o presidente da Banda, José Cerqueiras; o director da agrupación, Santi Mella; e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen destacaron o papel desta nova tempada como unha invitación a participar e gozar da música como elemento de unión na comunidade.
A programación consta de cinco concertos temáticos que buscan homenaxear a cultura, as tradicións locais e tamén aqueles que deixaron a súa pegada na historia e na vida musical do municipio. A tempada abrirase cun Concerto de Santa Icía titulado Aniversarios, que terá lugar o sábado 16 de novembro ás 19.00 horas no Auditorio Municipal de Padrón, dirixido polo propio Santi Mella. Este concerto inaugural estará dedicado á memoria de Daniel Calvo Saco, un mozo que foi membro da Banda, cunha homenaxe especial no seu recordo.
A programación continuará en decembro co Concerto de Nadal, que leva por título Loanza, seguido dun Concerto de Ano Novo, titulado Un novo ano, que celebrará a chegada do 2025. En febreiro, a Banda ofrecerá un Concerto de Entroido chamado Entroidada, mantendo viva esta tradición festiva e cultural. Finalmente, a tempada pecharase en maio co concerto da segunda edición do Día da Memoria Democrática Padronesa, que nesta ocasión recibe o nome de A liberdade, un evento especialmente significativo que honra a memoria e a democracia na historia local.
O Concello de Padrón anima a veciños e visitantes a participar nesta tempada de concertos, que poñerá en valor a música como expresión cultural de Padrón e permitiralle á veciñanza celebrar con orgullo a súa identidade e memoria, unindo pasado e presente a través da música.