-
O alcalde, Anxo Arca, participou esta mañá na presentación no Auditorio roisense //
-
Animou as persoas participantes a aproveitar esta formación e vela como unha chave que lles pode abrir outras oportunidades //
-
O taller ten unha duración de doce meses e conta cunha subvención da Xunta de 411.000 euros //
Coincidindo co primeiro día de formación, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, participou esta mañá na presentación do obradoiro de garantía xuvenil Terras de Iria 2024. Este obradoiro de emprego, financiado con 411.000 euros pola Xunta e dun ano de duración, formará en maquetación quince alumnos-traballadores de Rois, Padrón e Dodro.
No acto, celebrado no Auditorio roisense, participaron tamén os alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e de Dodro, Xabier Castro, así como o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce, e o alumnado e o equipo docente do obradoiro.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, subliñou a pertinencia da formación que se vai desenvolver nun mundo cada vez máis dixital e dominado pola imaxe. Nesta liña, animou os participantes a aproveitar este obradoiro recordándolles que pode ser a chave que lles abra outras oportunidades.
O obradoiro Terras de Iria 2024 é o sexto que se desenvolve en Rois dirixido a mozas e mozos de entre 18 e 30 anos. Os rexedores locais destacaron que esta continuidade demostra a decidida aposta polo emprego dos tes concellos do Sar, que malia ter gobernos de distinto sino político se unen para impulsar conxuntamente iniciativas en beneficio da veciñanza.
Ramón Tojo explicou que o programa de emprego Terras de Iria é un programa mixto de formación dirixido a mellorar a ocupabilidade de persoas mozas desempregadas, que son contratadas baixo a modalidade de contrato para a formación en alternancia. Este modelo de alumnado-traballador, incidiu o alcalde de Rois, permítelles aos participantes dedicarse en exclusiva á aprendizaxe durante os doce meses de duración do obradoiro.
Pero máis alá de ofrecer saídas laborais o alumnado, o obradoiro ten unha vertente social ao desenvolver accións beneficiosas para a comunidade, tal e como lembrou o director territorial da Consellería de Emprego, Juan José Couce. En concreto, mozas e mozos dedicaranse no próximo ano a realizar catálogos de imaxes e fotoimaxes, infografías e maquetación editorial que sexa de interese para a veciñanza de Rois, Padrón e Dodro. Asimesmo, traballarán na imaxe corporativa e deseñarán material promocional dos tres concellos participantes.
Estas accións súmanse ás desenvolvidas polo alumnado do obradoiro Terras de Iria 2023, clausurado hai tan só uns días, e que aplicou a formación en confección e maquetación de páxinas web para seguir desenvolvendo á páxina Terras de Iria.
Por outro lado, nestes momentos está aberto tamén o prazo de selección do alumnado e do equipo docente do obradoiro dual de emprego Comarca do Sar, promovido polo Concello de Padrón en convenio cos de Rois e de Dodro.