-
A cerimonia de entrega terá lugar o venres 13 de setembro, ás 19:00 horas, na igrexa de Santiago
-
O galardoado destaca pola súa sólida formación no campo do turismo e pola súa extensa traxectoria profesional
-
Con esta distinción, o goberno local mantén o seu compromiso coa promoción do Camiño e coa preservación do patrimonio xacobeo
O Concello de Padrón outorgará o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo’ a Alberto Rey en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso coa promoción do Camiño de Santiago. Este galardón, que tamén implica o seu nomeamento como Peregrino de Honra, será entregado no marco da celebración do Día do Peregrino o vindeiro venres 13 de setembro ás 19:00 horas na igrexa parroquial de Santiago de Padrón.
A entrega do premio, instaurado en 2017, busca recoñecer a persoas cuxo traballo relevante contribúe á promoción e preservación do Camiño de Santiago, ademais de destacar o seu papel como embaixadores de Padrón, unha vila con gran relevancia histórica no contexto das rutas xacobeas. Alberto Rey, profesional con ampla experiencia no ámbito turístico e profundo coñecemento do Camiño, engrosa a lista de distinguidos predecesores, como o xornalista Pepe Domingo Castaño (2017) ou o estudoso Manuel Garrido Rivero (2018). O pasado ano o galardoado foi José Antonio de la Riera.
Unha traxectoria marcada polo turismo e o Camiño
Alberto Rey, técnico de Turismo en Padrón dende 2010, conta cunha sólida formación que inclúe un Ciclo Superior en Información e Comercialización Turística, unha Diplomatura en Turismo e un Máster en Dirección e Planificación do Turismo na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Entre os seus méritos máis destacados atópase a súa tese de máster sobre o "Turismo de Catástrofes", onde analizou o impacto do Prestige na actividade turística de Fisterra e Muxía.
Ademais, a súa experiencia profesional inclúe o labor como guía oficial de Turismo en Galicia, Asturias e Portugal, guía do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia e da Rede de Xuderías de España, ademais de ser xestor acreditado polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). Alberto ten contribuído de maneira significativa á promoción do turismo en diversas localidades galegas, ademais de manter unha activa implicación no ámbito do tempo libre durante máis de 10 anos.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou o traballo realizado por Alberto Rey ao longo da súa traxectoria á fronte da oficina de turismo padronesa “á hora de expor e poñer en práctica iniciativas exitosas que contribuíron a aumentar notablemente o número de visitantes e o coñecemento do noso patrimonio natural e cultural”.
“O recoñecemento ao labor realizado por Alberto é extensible ao conxunto de traballadoras e traballadores municipais, que son os que materializan as políticas que dende os gobernos se determinan. Ningunha administración pública pode funcionar sen o traballo incansable de todas as persoas que a compoñen e é de xustiza poñer en valor e recoñecer o seu esforzo dende o sector público”, engadiu o rexedor.
Como parte da cerimonia de entrega, que será amenizada pola Banda Municipal de Padrón, o Peregrino de Honra terá o privilexio de asinar o libro de honra, un acto simbólico que subliña a importancia do seu nomeamento.
Con esta distinción, o Concello de Padrón mantén o seu compromiso coa promoción do Camiño e coa preservación do patrimonio xacobeo, recoñecendo aqueles que, coma Alberto Rey, traballan para fortalecer este legado.