-
O servizo desenvolverase entre o luns 16 de setembro e o 20 de xuño con 30 prazas fixas dispoñibles e 15 ocasionais
-
O obxectivo é apoiar ás familias do municipio na xestión das súas responsabilidades laborais e familiares
O Concello de Padrón inicia o proceso de inscrición do programa de conciliación Despertares Padrón, unha iniciativa deseñada para apoiar ás familias do municipio na xestión das súas responsabilidades laborais e familiares. Este servizo de conciliación inclúe unha ampla variedade de actividades que van desde gardería e servizo de almorzo adecuado ás necesidades de saúde, ata actividades lúdicas e educativas como videoteca, biblioteca, xogos cooperativos e de mesa, así como actividades deportivas e de lecer.
O programa desenvolverase no CEIP Rosalía de Castro entre o luns 16 de setembro e o 20 de xuño con 30 prazas fixas dispoñibles e 15 ocasionais.
Os prezos para os que empreguen o programa todos os días vai dos 40 euros ao mes no caso do servizo de gardería e de 55 se se engade o almorzo. Para os usuarios ocasionais da gardería o custo é de 5 euros e de gardería máis almorzo de 8 euros cada xornada.
O prazo de inscrición abrirá mañá, xoves 5, e remata o mércores 11 de setembro. As familias interesadas deberán presentar a solicitude debidamente cuberta xunto coa seguinte documentación:
- Resgardo da matrícula escolar (certificado emitido polo centro educativo).
- Libro de familia e Título de Familia Numerosa, de ser o caso (documento acreditativo en vigor).
- Documento acreditativo de familia monoparental en vigor.
- Informe médico nos casos de participantes con problemas alimentarios (diabéticos, celíacos, etc.).
- Sentenza de separación, divorcio ou xustificante de viudez.
- Xustificante de ingresos económicos, que inclúa: última declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar; se non está obrigado a presentar a declaración, certificado da Axencia Tributaria do ano anterior ou certificado de prestación; e certificación expedida polo organismo competente (INEM, Xunta, Seguridade Social, etc.) se se percibíu algunha prestación ou pensión.
- Volante de empadroamento.
- Calquera outro documento que reflicta incidencias familiares, económicas e sociais puntuables segundo o baremo que consta na ordenanza fiscal.
A solicitude e todos os documentos que podes descargar premendo neste enlace deberán ser entregados no rexistro ou na sede electrónica do Concello de Padrón.
Este programa reflicte o compromiso do Concello de Padrón coa conciliación e o benestar das súas familias, garantindo un espazo seguro e enriquecedor para os máis pequenos.
A documentación e a información da solicitude está dispoñible en Servizos Sociais do Concello.