-
O programa de envellecemento activo para maiores de 50 anos inclúe propostas saudables, lúdicas e formativas
-
A matrícula abre o 16 de setembro para as persoas empadroadas en Padrón e o día 25 para a veciñanza da comarca
-
As clases comezan o 15 de outubro e finalizan o 31 de maio, tanto no centro social padronés como nas parroquias rurais
As Aulas Sénior de Padrón que teñen como obxectivo promover un envellecemento activo, están preparadas para dar comezo a un novo curso cunha ampla e renovada programación de actividades saudables, culturais e ocupacionais. Este programa, que é xestionado por Ategal en colaboración co Concello de Padrón, manterá a súa presenza nas parroquias rurais.
A matrícula abrirá o próximo 16 de setembro, e as clases desenvolveranse entre o 15 de outubro e o 31 de maio. Estas aulas, que celebran 32 anos de actividade, son das máis demandadas en vilas galegas. A cota anual mantense en 60€ por persoa e 100€ por matrimonio, con un prezo adicional de 10€ por actividade.
As persoas maiores de 50 anos poderán gozar de alternativas de ocio que combinan saúde, cultura, actualización en tecnoloxías e socialización. As actividades levaranse a cabo no Centro Social do Campo do Souto, nos polideportivos municipais, e nas parroquias de Carcacía, Angueira de Suso e Estramundi.
Unha ampla oferta
A oferta inclúe actividades de ximnasio (martes e xoves de 10:30 a 11:30h), ximnasia de mantemento (luns e mércores en diferentes horarios), pilates (varios horarios ao longo da semana), escola de espalda, ioga e relaxación, hipopresivos para fortalecer o solo pélvico, e camiñatas con saída do Campo do Souto (martes e venres ás 09:30h). Ademais, haberá un obradoiro de memoria os luns de 17:30 a 19:00h, e sesións no balneario de Cuntis o primeiro xoves de cada mes por 25€, bus incluído.
No que toca ás actividades culturais, o club de lectura (gratuíto) reunirase neste curso o último luns de cada mes de 11.00 a 12.00h e comezará o 25 de novembro falando do libro Invisibles; Relatos de maltrato, de Montse Fajardo. Haberá clases de Arte baixo o epígrafe Desfruta do noso patrimonio artístico-cultural (mércores de 17.00 a 18.30 horas) e de Historia de España e Galicia tamén os mércores de 18.30 a 19.30h.
Entre as actividades ocupacionais destacan as clases de pintura en tea, pintura ao óleo (agora ampliadas a catro horas semanais), manualidades e labores como patchwork, bordado, ganchillo ou calceta.
As clases de inglés tamén estarán dispoñibles os venres agora con dous niveis: nivel 0 de 16:30 a 18:00h, e nivel 1 de 18:00 a 19:30h.
Actividades no Rural
Un ano máis, as actividades da Aula Sénior recalarán no rural padronés. É o caso de Carcacía, onde haberá clases de ximnasia de mantemento (martes e xoves de 09.30 a 10.30h) e obradoiro de memoria (mércores 16.30 a 18.00h); Angueira de Suso, onde se impartirá ximnasia de mantemento (luns e mércores de 17.00 a 18.00h) e obradoiro de memoria (luns de 19.15 a 20.40h); e Estramundi, onde a veciñanza pode anotarse en ximnasia de mantemento (martes e xoves de 19.00 a 20.00h), escola de espalda (luns e mércores de 18.30 a 19.30h) e pilates (martes e xoves de 16.00 a 17.00h).
Ademais, e incidindo no valor social das accións das Aulas Sénior, neste curso poranse en marcha varias viaxes culturais a destinos de valor patrimonial e natural, e chámase ao voluntariado, con accións en diferentes proxectos.
Inscricións
As persoas empadroadas no Concello de Padrón poderán inscribirse a partir do 16 de setembro, mentres que o resto deberán agardar ata o día 25.
Para máis información, os interesados poden dirixirse á oficina de Ategal en Padrón, situada no Centro Social no Campo do Souto nº 2, ou contactar a través do teléfono 981 811 329 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Tamén está dispoñible información na web www.ategal.com