-
O alcalde Anxo Arca e o deputado provincial Antonio Leira apoiaron a primeira convocatoria desta iniciativa xunto aos concelleiros Luís Mariño, Chus Campos e Mariló Saco
-
O rexedor agradece a colaboración da Deputación da Coruña e da Corporación Cortizo nunha actividade que promove a vida saudable e a posta en valor do patrimonio natural
Padrón. 23-08-2024.- O Concello de Padrón celebra con gran éxito a primeira edición das súas Rutas Naturais con bicicletas eléctricas que se desenvolven hoxe venres 23 e mañá sábado 24 de agosto na contorna do Monte Santiaguiño e o río Sar. Esta actividade, que forma parte da programación previa á 11ª etapa de La Vuelta que terá o punto de saída e chegada no Campus Tecnolóxico Cortizo-Padrón, contou cunha ampla participación e foi ben recibida tanto por veciños como por visitantes.
O alcalde de Padrón, Anxo Arca, estivo presente nesta primeira xornada das rutas xunto co deputado provincial Antonio Leira e varios membros do equipo de goberno local como o concelleiro de Deportes, Luís Mariño; a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos; e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Mariló Saco.
O rexedor agradeceu persoalmente a Antonio Leira o apoio recibido por parte da Deputación da Coruña na organización desta actividade, destacando a importancia da colaboración institucional para promover iniciativas que fomenten a vida saudable e o respecto polo medio ambiente. Así mesmo, Anxo Arca agradece á Corporación Cortizo a súa valiosa contribución, proporcionando agasallos aos participantes. Dende o Concello, ademais, deseñáronse unhas camisetas oficiais para estas rutas que se repartiron entre todas as persoas inscritas como recordo desta experiencia.
As Rutas Naturais con bicicletas eléctricas permiten aos participantes descubrir a riqueza natural de Padrón dun xeito sostible, ao tempo que fomentaron a actividade física nun ambiente seguro e guiado. Esta iniciativa demostra a implicación do Concello de Padrón coa promoción de hábitos de vida saudables e a posta en valor do patrimonio natural.