O 28 de agosto 35 axentes, 20 motos e 10 vehículos, ademais da agrupación de Seguridade Cidadá, estarán coordinados desde un posto de mando avanzado ||
Anxo Arca resalta a importancia de normalizar estas reunións para mellorar a seguridade no municipio ||
María Rivas resaltou que a taxa de criminalidade de Padrón é inferior a media provincial e estatal ||
Dende 2018, Padrón recibiu 32.774 euros no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e este ano terá outros 9.500 ||
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e o alcalde de Padrón, Anxo Arca, presidiron esta mañá a primeira reunión que a Xunta Local de Seguridade (XLS) celebra no municipio dende 2018. Na xuntanza analizáronse datos relativos ás medidas de seguridade cidadá no municipio e abordouse o dispositivo especial que se establecerá o 28 de agosto durante a celebración da etapa da Volta a España que comeza e remata en Padrón. Anxo Arca resaltou a importancia de normalizar as reunións da XLS, que debe reunirse anualmente, para “mellorar a seguridade no municipio”
A Volta a España foi un dos puntos abordados na reunión desta mañá. A 11ª etapa terá Padrón como punto de partida e chegada, con un percorrido de 164 quilómetros. No é a primeira vez que a carreira pasa por este concello, xa foi no pasado punto de paso e habitualmente saída da etapa final do Camiño de Santiago, foi tamén punto de partida da etapa final da Volta en dúas ocasións. En ambas, tanto en 1993 como en 2021, a etapa foi unha contrarreloxo individual que finalizou en Santiago de Compostela. En 2024, Padrón será protagonista absoluto da etapa do 28 de agosto, xa que terá saída e chegada no Campus Tecnolóxico Cortizo.
A subdelegada subliñou ademais a tradición ciclista desta localidade xa que neste localidade naceu en 1956 o Padrón a Peña Ciclista Bernárdez, nome orixinal do actual Club Ciclista Padronés, o equipo máis antigo de Galicia é un dos máis importantes do campo amateur nacional.
En canto ao dispositivo para a Volta a España, contarase con 35 axentes, 20 motos e 10 vehículos de Garda Civil de Tráfico do subsector da Coruña, e tamén co apoio da unidade de Seguridade Cidadá da Garda Civil. O alcalde e a subdelegada resaltaron a colaboración e coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local para facer fronte a este importante evento.
Durante todo o percorrido, a volta estará acompañada por unha Unidade de Seguridade e Mobilidade Viaria, que se será a encargada de velar pola seguridade e mobilidade dos corredores, vehículos de organización e caravana, así como do resto da circulación ordinaria afectada pola competición.
Establecerase un posto de mando avanzado dende o que se coordinarán todos os efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos equipos de emerxencias.
A subdelegada do goberno insistiu en que todas as persoas que asistan a esta competición, fagan caso en todo momento das indicacións dos axentes encargados de velar pola nosa seguridade, e de xeito especial, fixo un chamamento a que non se utilice o vehículo particular para acceder á zona de saída e fin de etapa para evitar colapsos nos accesos.
Padrón ten unha taxa de criminalidade inferior á media
Durante a reunión da Xunta de Seguridade, tamén se fixo un repaso das taxas de criminalidade do concello, a este respecto Rivas destacou que está un punto e medio por debaixo da media provincial. En concreto a taxa de criminalidade de Padrón situouse en 36 delitos por dada mil habitantes fronte aos 37 e medio por cada mil para o conxunto da provincia. Esta taxa tamén está por debaixo da media estatal que está en 51 delitos por cada mil habitantes.
María Rivas quixo subliñar a imporante mellora no nivel de esclarecementos do ano 2023 con respecto ao ano anterior, sendo moi significativa no apartado das estafas que mellora case un 5%, pero tamén no resto de infraccións penais que mellora un 2.81%. Os datos deste primeiro semestre consolidan esta tendencia, mellorando novamente a taxa de esclarecemento nun 2%, apreciándose tamén una baixada dun 10% dos delitos.
VioGen
Outro punto importante da reunión tamén foi a análise dos datos relativos á violencia de xénero. A subdelegada informou que a día de hoxe, na provincia da Coruña hai 2.458 casos activos dentro do sistema VioGen.
A subdelegada fixo fincapé en que “cada unha das 2.458 vítimas son un recordatorio de que debemos seguir traballando conxuntamente e sen descanso para protexer a estas 2.458 mulleres e ás súas familias. É un obxectivo primordial da subdelegación do Goberno, razón pola que facemos un chamamento a tódolos concellos con policía local para sumarse ao sistema VioGén para que todos os recursos públicos podan estar a disposición das vítimas. Protexelas é tarefa de todas e todos”.
Así recordou que na provincia xa son 22 os concellos que formalizaron a súa incorporación a VioGen, e que actualmente están en proceso de adhesión outros 9 concellos. Neste sentido convidou ao concello de Padrón a sumarse ao protocolo de adhesión. Tamén resaltou a importancia de traballar a través das Mesas de Coordinación Interinstitucional, das que actualmente están en funcionamento 39, unha delas no concello de Padrón.
Por este motivo, María Rivas apelou novamente a colaboración e coordinación das administracións como unha ferramenta imprescindible para mellorar a protección das vítimas de violencia de xénero. “Son as policías locais as que están máis apegadas ao territorio, coñecen mellor o entorno e a veciñanza, e a súa contribución é moi importante”.
Finalmente, María Rivas sinalou que os fondos de VioGén que os concellos reciben do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e que acaban de actualizarse con unha nova achega de 762.935,24 publicada no BOE o pasado día 19; son o exemplo de como a colaboración entre as distintas institucións favorece a loita contra a violencia machista e a consecución de sociedades máis igualitarias.
Neste entido, recordou que o concello de Padrón recibiu dende o ano 2018 un total de 32.774,59 euros no marco do Pacto de Estado, e que este ano recibirá 9.500 euros para desenvolver políticas de igualdade, accións de concienciación e actividades encamiñadas á consecución dunha sociedade mais igualitaria e con tolerancia cero coa violencia machista.